Un Dépor experimental e cheo de rotacións non sobrevive á expulsión de Fajr

Laure. Navarro. Guilherme. Borja Valle. Fajr. Até 5 novidades no once do Dépor no Calderón. A equipa deu contido o Atlético até o segundo cartón amarelo de Fajr, nunha absurda acción kamikaze que deixou o xogo visto para sentenza.

Atlético-Deportivo
photo_camera Laure e Filipe Luis porfian pola bola

Garitano revolucionou o once titular, deulle un significativo toque a Pedro Mosquera -indiscutíbel desde a súa chegada a Riazor- ao non o aliñar de inicio e entregou a batuta do xogo a Çolak, que respondeu á confianza cunha nova exhibición das cualidades que fan del un futbolista distinto e imprescindíbel nesta equipa.

A proposta funcionou mentres houbo igualdade numérica sobre o céspede. Con Guilherme e Borges como gardacostas, Çolak tivo algo de vagar para deslizar balóns con perigo. Andone tamén deixou boas vibracións, sen sorte no remate, mais con capacidade máis que suficiente para inquietar a zaga colchoneira. A este dianteiro só lle falta unha cousa, marcar gol, claro que niso consiste o seu oficio. Laure, por súa parte, foi mais unha vez Laure, isto é, un seguro na defensa. Con el a equipa gaña consistencia atrás a cambio, iso si, de facilitarlle moito a vida ao lateral esquerdo rival, dada as súas nulas prestacións ofensivas.

Todo mudou dramaticamente coa saída de escena de Fajr. A segunda parte, con 10 contra 11, foi un monólogo atlético contra un muro branquiazul, furado polo oportunismo de Griezman, no minuto 70. Mais até nas adversidades o talento é quen de se abrir paso. E Çolak -realmente é posíbel que este futbolista demorase catro partidos en ser titular indiscutíbel?- abeirou o gol do empate nos últimos instantes do xogo. O azar, que moitas veces goberna este deporte, non estivo acarón do Dépor nesa acción e o partido saldouse coa terceira derrota da equipa no que vai de campionato.

O Dépor está xa en zona de perigo. O seu balanzo no que vai de liga -unha vitoria, dous empates e tres derrotas- comeza a ser francamente inquietante.

Atlético de Madrid: Oblak; Juanfran, Giménez (Lucas, m. 35), Godín, Filipe; Gaitán, Augusto (Gabi, m. 18), Koke, Carrasco; Griezmann (Gameiro, m. 58) e Correa.

Deportivo Lux; Laure, Albentosa, Arribas, Fernando Navarro (Babel, m. 73); Guilherme (Mosquera, m. 67), Borges; Borja Valle, Emre Çolak, Fajr; e Florin Andone (Luisinho, m. 60).

Gol: 1-0, m. 70: Griezmann..

Árbitro: Gil Manzano (C. Extremeño). Expulsou por duplo cartón amarelo a Fayçal Fajr (m. 39 y 45), do Dépor. Amonestou polo Atlético Lucas (m. 42) e pola escadra galega Emre Çolak (m. 56) e Ryan Babel (m. 84).

Comentarios