Pendente do recoñecimento médico

O Dépor incorpora Ryan Babel como relevo de urxencia de Joselu

Un grande talento natural desaproveitado. Ese é o perfil do futbolista que, pendente do recoñecimento médico, vai incorporar o Deportivo como relevo de Joselu, a quen unha escordadura de xeonllo deixou fóra de xogo para no mínimo os próximos 10 xogos. Babel sabe o que é a gloria, mais tamén coñece os avernos. 

Babel
photo_camera Ryan Babel

Cando no serán do pasado domingo Raúl García tronzou un ligamento interno do xeonllo de Joselu, Ryan Babel (Amsterdam, 1986) estaba lonxe de imaxinar que, apenas tres días despois, aterraría na Coruña para se enfundar a camisola branquiazul e ter, destarte, a oportunidade de se reivindicar na elite do planeta fútebol. Babel é un fillo da canteira do Ajax, en tempos a máis fecunda na produción de grandes talentos, e tivo unha etapa de certa gloria no Liverpool con Rafa Benítez, que pagou por el 13,5 millóns de euros en 2007.

Na Premier deixou ver a súa exquisita técnica e a súa punta de velocidade -as súas características máis marcantes- mais non sobreviviu á marcha do treinador madrileño. Sen el, perdeu a confianza da equipa técnica do clube vermello e acabou morando demasiado tempo na banqueta. En 2011 foi traspasado a Alemaña por 10 millóns de euros. Non callou e, após recomprar a súa liberdade por tres millóns, voltou a casa, ao Ajax, onde ficou dúas temporadas sen grande brillo. 

Os seguintes anos Babel continúa escorregando costa abaixo, en equipas e ligas menores, 2014 Turquía, 2015 Emiratos Árabes Unidos, até se converter nos últimos meses nun axente libre, isto é, un futebolista en paro. Esa condición devolveuno ao mercado (os clubes non teñen limitacións para fichar axentes libres durante todo o curso sempre e cando non teñan esgotado o cupo de fichas no primeiro plantel). A entrada de Raúl García sobre Joselu abriulle as portas do Dépor e outorgoulle unha nova oportunidade na elite.

Internacional coa selección holandesa absoluta, entre Liverpool, Ajax e Hoffenheim disputou 217 partidos oficiais e só fixo 34 goles

O seu estado de forma é un misterio. Babel ten talento dentro, iso é indubidábel, doutro xeito non tería sido internacional pola selección holandesa absoluta (estivo nos mundiais de Alemaña 2006 -xogou un partido, ningún gol- e Sudáfrica -inédito), mais é un futebolista que nos últimos cursos se foi devaluando, nunha viaxe cara a ningures que agora ten parada na Coruña.

Non é un goleador -entre Liverpool, Ajax e Hoffenheim disputou 217 partidos oficiais e só fixo 34 goles-, mais se Garitano é quen de lle inocular confianza pode se tornar nunha interesante baza ofensiva para o Dépor pola súa rapidez e a súa facilidade para dar asistencias. 

Se o Babel 2016 é quen de voltar a se parecer ao Babel 2007 o Deportivo tería achado ouro entre os entullos.

Comentarios