1-0

O Dépor non estivo en Donostia

Poden crerme: o que compareceu en Anoeta non foi unha equipa de futebol, foi un simulacro. Cero intensidade. Cero tensión. Cero pases con xeito. Cero tiros entre os tres paus. Á Real bastoulle premer un chisco o acelerador na primeira media hora de xogo para solventar o match. O Dépor equivocaríase gravemente se pensase que xa está salvado.

De
photo_camera Un lance do xogo

Hai uns mínimos que cómpre dar no deporte profisional. Son cuestións básicas, tipo entrega, suor, compromiso, correr, presionar o rival. Nada diso fixo o Deportivo en Anoeta. Hai un mínimo básico se unha equipa quer puntuar nun campo de futebol como o da Real Sociedad: chutar algunha vez entre os tres paus da portería contraria. Dado que o Dépor encaixou un tanto na primeira media hora de xogo -unha excelente cabezada de Willian José a centro portentoso de Yuri-, na hora restante tratábase de existir como equipa de futebol e facer as cousas que se supón que se lle teñen que facer para meter un gol. Nada, absolutamente nada diso fixo o Dépor.

Na conferencia de imprensa posterior ao encontro, un abatido Pepe Mel explicou que o principal problema do Dépor é que carece de xogo asociativo. Ou sexa, que incumpre o primeiro mandamento do catecismo de Johan Cruyff, aquel segundo o verdadeiro segredo do futebol consiste en pasarlle a bola a alguén que leve a túa mesma camiseta. "Cada vez que roubabamos o balón errabamos o pase posterior", laiouse amargamente Mel. Certo, mais tan certo como iso é que o Deportivo apenas presionou a saída do balón da Real Sociedade e que tampouco foi capaz -agás nos minutos en que, cun nulo Çolak no banco, Joselu apareceu sobre o céspede para facer dueto con Andone- de adiantar as liñas para empurrar as da equipa vasca algo máis perto da portería defendida por Rulli.

O Dépor talvez estea a especular coa considerábel avantaxe que lle leva ao Sporting de Xixón neste tramo final do campionato. Se callar os seus futbolistas até consideran que mesmo sen sumar un só ponto máis acabarán safando. Fan mal en fiarse. Non se pode xogar andando en Primeira División. Non se pode depender de outros -das desgrazas doutros- para sobreviver. O Sporting ten un calendario mellor por diante. O Dépor é ben que se espila e que, nomeadamente fóra, acuda aos campos coa debida profesionalidade. O Dépor non estivo en Anoeta. Non debería ausentarse de ningún outro estadio no que fica de campionato.  É o mínimo que se agarda deles.

Real Sociedad: Rulli, Zaldúa, Raúl Navas, Iñigo Martínez, Yuri, Zurutuza, Illarramendi, Carlos Vela (Canales, min. 73), Xabi Prieto, Oyarzabal (Granero, min. 90) e Willian José (Juanmi, min. 65).

RC Deportivo: Lux, Juanfran, Albentosa, Sidnei, Luisinho, Borges, Álex Bergantiños, Fayçal Fajr (Bruno Gama, min. 80), Emre Çolak (Joselu, min. 70), Kakuta (Ola John, min. 56) e Andone.

Gol: 1-0, Willian José (min. 28).

Árbitro: Ocón Arráiz (c. rioxano). Cartóns amarelos a Albentosa (min. 44), Raúl Navas (min. 45), Fayçal Fajr (min. 50) e Álex Bergantiños (min. 70).

Incidencias: partido correspondente á 33ª xornada da Liga Santander disputado no estadio de Anoeta perante 19.925 espectadores.

Comentarios