O Dépor pon as ocasións e o control mais non pasa do empate ante o Vilareal

Terceiro encontro consecutivo sen perder dos deportivistas, que suman 18 puntos noutros tantos partidos.

Dépor Villareal fútbol
photo_camera Imaxe: RC Deportivo

Deportivo e Vilareal empataron en Riazor nun partido sen goles e no que o maior dominio e número de ocasións dos branquiazuis non logrou traducirse no marcador. O Dépor saíu ao campo con catro cambios a respecto do equipo que a semana pasada se enfrontou contra o Espanyol. Non se encricou o deportivo ante un rival complicado e que aspira a postos europeos. Foi controlando o encontro e tendo as oportunidades.

As mellores ocasións levaban rúbrica deportivista: o remate ao pau de media chilena de Andone e, xa no minuto 84, a oportunidade de Joselu. Arribas reclamou, na segunda metade, un penalti por agarrón na área do Vilareal.

É o terceiro encontro consecutivo sen perder do Deportivo, no que constitúe a súa mellor racha nesta tempada. Atesoura 18 puntos noutros tantos partidos, o que lle dá unha media de a punto por encontro. O adestrador, Gaizka Garitano, defendeu que o Dépor realizou “un partido moi completo”, sinalando que “máis un día estivermos perto de gañar e non gañamos”.

Ficha técnica

RC Deportivo (0): Tytoń, Laure, Arribas, Sidnei, Fernando Navarro, Guilherme, Borges, Marlos Moreno (Borja Valle, min. 76), Emre Çolak, Luisinho e Andone (Joselu, min. 83).

Villarreal CF (0): Asenjo, Mario Gaspar, Álvaro, Víctor Ruiz, José Ángel, Jonathan dos Santos, Bruno, Trigueros, Samu Castillejo, Santos Borré (Mario González, min. 68) e Pato (N'Diaye, min. 86).

Árbitro: Ocón Arráiz (colexio rioxano). Cartón amarelo a Manu Trigueros (min. 79).

Incidencias: 19.917 espectadores en Riazor.

Comentarios