A Irmandiña de fútbol sala volve á cancha

As seleccións galegas masculina e feminina esta terza feira en Santa Coloma de Gramenet. (FOTO: RFGF).
As seleccións galegas feminina e masculina de fútbol sala xogarán esta cuarta feira como visitantes no Pavillón Nou de Santa Coloma de Gramenet (Catalunya). Diante terán, coa ledicia de voltar a vestir a camiseta nacional nun partido amigábel, á selección catalá nunha data tan especial como é a Diada de Catalunya. Lonxe quedan os encontros anteriores destes combinados, dezaseis anos no caso dos homes e sete no das mulleres. Desde a Real Federación Galega de Fútbol comprométense a repetir a experiencia na Galiza en 2025. 

AIrmandiña de fútbol sala volve esta cuarta feira á cancha nun partido amigábel contra a selección de Catalunya. Será como visitante no Pavillón Nou de Santa Coloma de Gramenet (Barcelonès) nunha data tan especial como é a “Diada”. Coas entradas de balde e retransmitido por TVG2, as Seleccións Galegas Absolutas de fútbol sala masculino (16 horas) e feminino (13 horas) vivirán o seu día grande tras dezaseis anos sen xogar, no caso da masculina, e sete, no da feminina.

 O adestrador dos varóns foi Diego Ríos (Lugo, 1984), actual técnico do Bintang Timur Surabaya indonesio, coñece ben os equipos galegos pois pasou por clubs como o Lugo ou O Parrulo Ferrol, mais tamén outros como o Levante ou o Ribera Navarra. No seu currículo figuran nove permanencias en Primeira División, un ascenso á elite, unha clasificación para a Champions ou unha final ligueira, entre outros éxitos. Esta terza feira explicaba a Nós Diario que este partido era “especial”, despois do último que tivo lugar en Ferrol contra Uruguai. Só ten palabras de agradecemento para a federación que cadrou “un encontro contra unha selección tan forte como é a de Catalunya”. Non se esquece dos clubs e das facilidades que tivo para dispor daqueles xogadores que considerou que deberían viaxar para estar neste partido. Da mesma maneira, salienta que todos os xogadores que chamou "quixeron estar e con moita ilusión por xogar con esta selección". 

A lista final do equipo galego masculino, quitando algún xogador lesionado que ao final non entrou na convocatoria, está composta por Edu (Adamo Xove FS), Yerai (ADC Lugo Sala), Iván Rumbo (O Parrulo Ferrol FS), Pitero (Burela FS), Rubi (Noia Portus Apostoli), Isma (Burela FS), Adri (Vilalba FS), Pachu (CA Osasuna), Iago R. (ADC Lugo Sala), A. Pirata (Noia Portus Apostoli), David pazos (Noia Portus Apostoli) e Álex Diz (ADC Lugo Sala). "Estamos moi contentos da selección que formamos, creo que é moi competitiva", asevera Ríos.

O valor da experiencia

No referente ás mulleres, a adestradora nacional, Bea Seijas (Ferrol, 1974), porá a súa experiencia como xogadora e adestradora ao servizo da Irmandiña. Preparadora do Ourense OnTime da Primeira División, compatibilizará o cargo co de seleccionadora. "Hai moita ilusión nesta recuperación da selección para poder xogar partidos, será un día especial", admite a Nós Diario. Aínda lembra o seu paso como xogadora pola selección cando xogou, curiosamente, tamén contra Catalunya o 7 de marzo de 2017 no Polideportivo de Santa Isabel de Santiago. "Xa daquela insistíalle á directiva da Federación que reuniran de novo a selección, para min era algo especial, un soño", asegura, "por iso sei moi ben o que estan vivindo agora as xogadoras convocadas e eu mesma como adestradora", agrega.  

Tampouco no seu caso tivo problemas en facer unha convocatoria polo apoio dos clubs. "Fixen unha lista mais podería ser outra, Galiza é unha potencia a nivel estatal no fútbol sala feminino", declara Seijas que xustifica esta afirmación sinalando que "temos cinco equipos na máxima categoría". Tamén no seu caso non pudo contar con algunhas xogadoras por estar co combinado español mais, insiste, "non hai problema grazas á riqueza de deportistas que temos na nosa terra".    

Para o partido desta cuarta feira, a técnica galega viaxa con Area (FSF Castro), Patri Arruti (Marís Futsal), Candela (Poio FS), Cris (Burela FS), Vero (FSF Castro), Martita (Poio FS), Marta (Ourense), Judith (Ourense), Nere Moldes (Móstoles FSF) e Ana Rivera (Ourense). 

Un rival forte

A Irmandiña non o terá doado. No caso do equipo masculino, Ríos recoñece que a selección catalá "está máis rodada ca nós, con partidos mesmo coa selección de Brasil". Ademais, lembra que conta con xogadores "de clubs moi representativos, como son o Barça e o Santa Coloma" que mesmo fará que non boten de menos "os que foron convocados pola selección española para o mundial de Uzbequistán". Por este motivo, entende que este rival "vainos pór as cousas difíciles como fan tamén nas categorías inferiores nas que acostuman estar en finais". 

 Para Seijas, falar de Catalunya é facelo dun equipo "con xogadoras dun alto nivel que están mesmo en varios equipos do Estado español e Primeira División". Con este panorama, a técnica de Ferrol admite que será "un partido bonito e moi disputado, algo digno de ver para as persoas que se acheguen ao pavillón". Coincide con seu compañeiro do corpo técnico en que "contan cunha boa base que se ve cando compiten noutras categorías e sempre é a que máis títulos acada". Nesta liña, considera lóxico que eses "bimbios"  tamén se trasladen aos equipos sénior actuais. Porén, Seijas non lle ten medo ao encontro. "Somos Galiza e somos referentes no futbol sala polo que loitaremos por traer a vitoria", conclúe.   

Continuidade 

Ríos e Seijas demandan a continuidade da Irmandiña. "Creo que estamos nunha nova etapa na que a federación está apostando polo fútbol sala como selección absoluta", opina Diego Ríos. Neste sentido aposta pola organización na Galiza doutro partido tamén contra Catalunya.

Para Seijas, a petición é a mesma que cando era xogadora. "Non só que continúe a selección galega absoluta, senón tamén que o fútbol sala feminino siga a medrar, chegando cada vez máis ao terreo profesional", demanda a ferrolá. Nisto ten moito que ver, ademais dos clubs e a federación, o público. "Teñen que apoiarnos, escoitarnos, vernos e achegarse aos pavillóns cando hai partidos como será este caso", sinala, "as rapazas teñen un nivel moi alto e xogan moi ben a fútbol sala", conclúe.