Jorge Prado proclámase bicampión mundial de MXGP

 O galego venceu en Cózar (Ciudad Real) e revalida o seu título na categoría.
Jorge Prado repite título mundial. (Foto: Juan Pablo Acevedo).
photo_camera Jorge Prado repite título mundial. (Foto: Juan Pablo Acevedo).

O piloto galego Jorge Prado defendeu con éxito o seu título Mundial e proclamouse bicampión de MXGP, ao vencer este domingo na última cita, o GP de Castela A Mancha de MXGP.

Prado rubricou a súa remontada nunha tempada na que foi de menos a máis para lograr o cuarto mundial da súa carreira e defender o seu título na máxima categoría. Ante a súa afección en Cózar, o ídolo lucense gañou a manga clasificatoria do sábado e podía conformarse cunha carreira á defensiva marcando a Tim Gajser.

Con todo, o galego logrou o holeshot e marcou un ritmo frenético nas primeiras voltas até conseguir que o esloveno tirase case a toalla. Jorge Prado gañou por diante de Gajser e Jeffrey Herlings, pero este foi penalizado con tres posicións por sacar vantaxe dunha saída de pista.

Feliz entre a afección

Coas matemáticas do seu lado, Prado volveu arrincar na cabeza na última manga do campionato. Cando o lucense lideraba por diante de Herlings tivo un susto que aproveitou o neerlandés para poñerse líder. Tras esa case caída, Prado pasou ao plan B, deixou que lle adiantasen Febvre e Gajser e limitouse a seguir o ronsel do esloveno para asegurar o título e a vitoria no Gran Premio.

"É o día máis feliz da miña vida. Tamén o foron os que me deron os outros títulos, pero este, diante da miña afección, é moi distinto. Non deixei de oír en ningún momento os ánimos dos afeccionados e esa calor dáche un punto máis de velocidade e confianza. Non podo esquecerme de todos eles e tampouco de todo o equipo, familia e persoas que levan tantos anos detrás, apoiándome en cada carreira", dixo Prado.

Comentarios