O Goberno español non descarta levar a oficialidade do galego na UE ao Tribunal Europeo de Xustiza

O ministro de Exteriores comprométese a seguir negociando para "introducir" galego, euskera e catalán "nos tratados" europeos.
O ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
photo_camera O ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

O ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, José Manuel Albares, non descarta a posibilidade de levar ao Tribunal de Xustiza da UE (TJUE) a oficialidade do galego, o euskera e o catalán de non ser posíbel conseguir a unanimidade dos Vinte e sete para que isto ocorra.

Nunha entrevista en Catalunya Radio, recollida por Europa Press, Albares sostivo que o único que impide a inclusión das tres linguas oficiais no réxime lingüístico da UE é unha "reticencia política" daqueles países gobernados polo PPE en coalición coa extrema dereita, de aí a súa petición reiterada ao PP a que axude en Europa a conseguir este obxectivo.

"Pero independentemente, con PP ou sen PP, eu estou seguro que o consolidaremos e, se non, eu estou disposto a chegar ao Tribunal Europeo de Xustiza se fixese falta", adiantou o ministro, que, con todo, recoñeceu que "aínda estamos lonxe diso".

Pero, se fose necesario, insistiu, "acudiriamos ao Tribunal Europeo de Xustiza porque ao final trátase de introducir esas linguas nos tratados", os cales, segundo lembrou, "estabelecen o multilingüismo como un obxectivo e un valor a defender pola Unión Europea".

A xuízo de Albares, "non hai obstáculos reais" para que o resto de socios dean luz verde á oficialidade de galego, euskera e catalán, solicitada polo Goberno ao Consello da UE en agosto de 2023 no marco do acordo con Junts para a nova lexislatura.

Neste sentido, subliñou que non hai problema de tradutores, debido a que xa existen, e coas novas tecnoloxías sería "algo moi fácil". Tamén negou calquera contratempo co custo que poida supor, "porque España está disposto a asumilo".

Estado plurilingüe

Tampouco se pode temer que sente un precedente, proseguiu Albares na súa argumentación, dado que se introduciron toda unha serie de condicionalidades que só cumpre España como que as linguas estean na Constitución, se usen no Parlamento estatal ou que existan acordos administrativos coas institucións europeas.

"Por tanto todo o mundo pode estar moi tranquilo e se a negociación é política nós revisaremos aquilo tamén no que outros estados necesitan a nosa axuda para dicirlles que non se pode pedir a nosa axuda cando non se axuda a España en algo tan vital, tan nuclear, tan importante, tan existencial como é a nosa identidade nacional, que é plurilingüe", remarcou.

Comentarios