Día Internacional da Tradución: abre o prazo de recepción de candidaturas para a VII edición do Premio Xela Arias

O período de achegas remata o 27 de outubro. O nome da persoa, entidade ou empresa gañadora darase a coñecer o 4 de novembro.
Mesa de debate da AGPTI con motivo do Día Internacional da Tradución. (Foto: AGPTI)
photo_camera Mesa de debate da AGPTI con motivo do Día Internacional da Tradución. (Foto: AGPTI)

A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI) vén de abrir o prazo de recepción de candidaturas para a VII edición do Premio Xela Arias coincidindo co Día Internacional da Tradución que se conmemora esta segunda feira, 30 de setembro.

O galardón recoñece o labor de empresas, entidades ou persoas que contribúan á promoción do uso do galego no mercado da tradución e da interpretación (cara ou desde o galego) en todos os sectores económicos e sociais.

Segundo informa a entidade nun comunicado, o período de recepción de candidaturas rematará o domingo 27 de outubro. Calquera persoa pode suxerir candidaturas, e para facelo só ten que enviar un correo electrónico a [email protected] co nome da empresa, entidade ou persoa candidata e os motivos polos que se considera que merece esta distinción.

Entre todas as persoas que envíen candidaturas sortearase un lote de libros composto pola publicación Unha voz, moitas voces. Xela Arias tradutora, mais catro obras literarias traducidas por socias da AGPTI. A persoa, entidade ou empresa gañadora do VII Premio Xela Arias será anunciada a segunda feira 4 de novembro de 2024.

Con este premio preténdese pór en valor a profesión da tradución e da interpretación e mais o galego como lingua de traballo, ademais de dar a coñecer o nome de Xela Arias (1962-2003), figura destacada na tradución ao galego e responsábel das versións na nosa lingua de obras de James Joyce, Gianni Rodari, Jorge Amado ou Roald Dahl, entre moitas outras.

As gañadoras das pasadas edicións foron a tradutora María Alonso Seisdedos (2018), a Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo (2019), o proxecto cooperativo Numax (2020), a publicación científica Viceversa. Revista Galega de Tradución (2021), a entidade A Mesa pola Normalización Lingüística (2022) e a Asociación Galega de Editoras (2023).

Intelixencia artificial

A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación conmemorou a pasada sexta feira o Día Internacional da Tradución cunha xornada de debate centrada na intelixencia artificial aplicada ao seu ámbito, unha cita que os e as profesionais aproveitaron para desmontar "o mito de que a tradución automática ofrece bos resultados en textos técnicos".

"As profesionais non nos opoñemos ao uso da tecnoloxía, pois somos as primeiras que a empregamos no noso día a día para facilitarnos e mellorar o noso traballo; con todo, si que nos preocupa que a aplicación da intelixencia artificial no noso sector responda unicamente a intereses económicos e que a prioridade non sexa nin as persoas usuarias e receptoras nin a comunicación e a comprensión, que, ao cabo, é o fin último das linguas".

Comentarios