O BNG lanza unha campaña por un concerto económico galego tras "quedar" o Estado con 59.000 millóns en 15 anos

O Bloque reclama para Galiza "a chave dos seus cartos" e a xestión directa dos impostos que recada.
Montse Prado e Lucía López. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Montse Prado e Lucía López. (Foto: Nós Diario)

O BNG vén de presentar unha campaña informativa que lanzará a diferentes niveis en defensa dun concerto económico propio para a Galiza, posto que o Estado "quedou" con 59.000 millóns nos últimos 15 anos.

Así o expuxo, en rolda de prensa esta segunda feira, en Compostela, a responsábel de Formación e deputada do Bloque, Montse Prado, quen esgrimiu estudos do economista Xosé Díaz sobre as balanzas fiscais dos últimos anos.

Na última liquidación de 2022 obsérvase unha diferenza de 5.344 millóns entre o que a Galiza achega vía impostos e o que transfire o Estado. Porén, ascende a 59.000 millóns de euros a diferenza entre o que Galiza recadou e as transferencias do Estado entre os anos 2009 e 2022.

'Galiza coa chave dos seus cartos'

Así, os nacionalistas poñen en marcha a campaña 'Galiza coa chave dos seus cartos', que exporán por diferentes comarcas e que vén acompañada de material divulgativo en varios formatos. De feito, este sábado, 5 de outubro, haberá unha xornada con economistas para informar acerca desta reivindicación.

Prado alertou de que o actual modelo financeiro é "moi lesivo" para a Galiza, polo que se aposta por ter "a chave" do diñeiro, tal e como "xa ten Euskadi e vai ter Catalunya". Avoga por que Galiza recade o total de impostos e transfira ao Estado só unha cota relativa a cuestións comúns.

Entre outros datos que achega Bloque destaca que máis de 33.335 millóns dos aforros dos galegos depositados en bancos leváronse en 2023 fóra da Galiza para investir noutras zonas de España, segundo datos do Banco de España.

"Submisión" de Rueda

"Galiza non pode perder este tren", avisa a tamén vicepresidenta do Parlamento galego, Montse Prado. E é que recrimina que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "pon por diante" os intereses do PP co seu "servilismo e submisión". Neste sentido, tacha de "inconcibíbel" que o titular autonómico renuncie a quita de débeda.

Pola súa parte, a responsábel de Organización do BNG, Lucía López, remarcou que esta é unha "cuestión fundamental" para Galiza, "unha das maiores inxustizas que padece desde hai décadas". Avisa de que a comunidade está a ser discriminada de forma "continuada e estrutural" por unha repartición "centralista e desfasada".

"Non é unha cuestión de privilexios, senón de xustiza e igualdade, para que aos galegos e galegas non se nos trate como cidadáns de segunda", subliñou Lucía López.

Comercializadora de enerxía

A preguntas sobre o anuncio do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sobre a creación dunha comercializadora propia de enerxía, Montse Prado reprochou que o PP é "especialista en anuncios botafumeiros", á vez que lembrou que os populares "sempre" vetaron iniciativas do Bloque en materia enerxética.

Tal e como xa criticou o Bloque o pasado domingo, Prado afea que o PP "aposta por beneficiar á empresa privada", xa que pon ao público "ao servizo de empresas privadas".

Así, subliñou que o BNG leva anos "denunciado o espolio de enerxía", debido a que no último ano Galiza exportou 47% do que produciu. De tal forma, defende a creación dunha empresa enerxética pública e unha tarifa eléctrica galega.

Comentarios