Ana Pontón reclama en México "recoñecemento" para as galegas e os galegos exiliados polo franquismo

Acompañada de Ana Miranda, reuniuse coa comunidade galega no marco da súa axenda de encontros empresariais, políticos e sociais no país azteca.
Pontón e Miranda coa colectividade galega en México. (Foto Nós Diario)
photo_camera Pontón e Miranda coa colectividade galega en México. (Foto Nós Diario)

A portavoz nacional, Ana Pontón, e a eurodeputada, Ana Miranda, reuníronse na primeira xornada da súa viaxe a México con representantes da comunidade galega no país azteca. Foi, en palabras da líder do BNG, unha xuntanza "emocionante" polo "coñecemento e reencontro" con familias que representan unha parte fundamental da historia de Galiza.

"Esa historia que significou o exilio de tantas persoas polo golpe militar do franquismo e o que supuxo para as súas familias", salientou a portavoz nacional, quen constatou de primeira man "o forte vínculo co país" que conservan mesmo segundas e terceiras xeracións de galegos e galegas que "seguen mantendo esa identidade, esa raíz coa nosa cultura".

Pontón  comprobou "como hai unha débeda pendente de recoñecemento" a toda esa xeración que tivo que marchar de Galiza "polas súas ideas", explicou ao termo dos diferentes encontros que mantivo con galegas e galegos residentes en México, entre os que se atopaban Luciano e Elvira Concheiro –que ocupan cargos de responsabilidade no actual goberno do país–; María Ángeles Comesaña –poeta e experta cultural e filla de Chonchiña e Paco, os protagonistas da recoñecida obra de Manolo Rivas O lápis do carpinteiro–; Manuel Rodríguez Viqueira –profesor de arquitectura na Universidade Autónoma de México, neto de Xoán Vicente Viqueira e fillo de Luísa Viqueira–; ou a familia de Elixio Rodríguez, membro das Mocidades Galeguistas e referente do nacionalismo galego.

"Sería necesario que fixeramos un maior recoñecemento e homenaxe", destacou Pontón, quen avogou por recuperar esta parte da nosa historia dado que é "unha forma non só de homenaxear a quen deu a súa vida por defender a democracia", senón tamén un xeito de contribuír "precisamente a que nunca máis volvamos a ter unha relación así".

Intercambio e progreso

De igual xeito, a portavoz nacional destacou o interese de moitas destas persoas por investir en Galiza, polo que avogou por seguir fortalecendo non só o recoñecemento á emigración galega, senón tamén as relacións con ela, xa que representa unha "oportunidade de investimento" no país e supón un retorno que pode xerar "máis progreso".

Segundo destaca o BNG, estes encontros enmárcanse na axenda que Pontón e Miranda están a desenvolver en México para estreitar lazos cos galegos e galegas na diáspora e que inclúe distintas reunións coa colectividade galega, con empresarios e con distintos colectivos do ámbito político e social.

No marco desta viaxe, tamén asistirán ao acto de investidura da nova presidenta, Claudia Sheinbaum, en resposta ao convite da formación política Morena e tal e como antes asistiron en representación do BNG ás tomas de posesión dos actuais presidentes de Chile e Colombia, viaxes que serviron tamén "á formación e á líder nacionalista para manter encontros coa comunidade galega en ambos os  dous países".

Comentarios