Cando Ourense se ergueu en 1869 contra a "tiranía" de Madrid e proclamou o Estado galego

O 30 de setembro de 1869 os republicanos federais de Ourense erguíanse contra o Goberno do Estado. No seu chamado público, cualificaban a Madrid de "tirano" e reclamaban "os santos foros dos dereitos dos pobos".    

Mende
photo_camera Barrio de Mende, en Ourense, a finais do século XIX. (Foto: Arquivo Reino da Galiza)

A revolta ourensá de 1869 foi unha expresión da oposición da sociedade galega ao proxecto centralizador no territorial e liberal no económico imposto pola oligarquía española ao longo do século XIX.

A orientación imposta polo partido oligárquico e militar, ao proceso aberto após o estoupido revolucionario de setembro de 1868, rematou por defraudar as expectativas populares dunha mudanza de fondo na  sociedade.

Galiza pola república

A proposta de constitución impulsada polo Gabinete de Serrano e Prim, onde ficou clarificado o seu programa político, abriu a porta a todo un ciclo de protestas na Galiza na segunda metade de 1869.

As mobilización contaron con grande seguimento ao longo do noso país, sendo despedidos moitos operarios no arsenal de Ferrol por negarse a xurar a constitución monárquica, significándose pola súa importancia as protestas desenvolvidas nas comarcas ourensás, onde os federais contaban cun significaba penetración social.

A comezos de maio de 1869 rexistráronse manifestacións por este motivo en Ourense ou Ribadavia, acadando grande repercusión social e informativa o comicio desenvolvido en Xunqueira de Ambía coa presenza de 3.000 persoas onde  se criticou duramente o papel da igrexa e da Garda Civil.

O Estado galego

O 30 de setembro os republicanos federais erguéronse, mais non se fixeron co control da cidade das Burgas até o dous de outubro, cando depuxeron as autoridades nomeadas por Madrid, proclamaron o Estado galego e declararon república federal.

A xunta revolucionaria, formada por persoas de recoñecida militancia antimonárquica, ficou composta por Francisco Casanova como presidente, Alejandro Quereizaeta como secretario, Salvador Nóvoa como vicesecretario e Guillermo Moreiro, José Gómez, Federico Anta, Ramón Díaz, José Noguerol, Facundo Santalla, José Saborit, Marcelino Rodríguez, Benito Cobas e Carlos Pereira.

O programa da revolta, recollido nun manifesto publicado pola prensa o día 3, non deixa dúbidas da súa alternativa, cualificando a “Madrid como tirano das provincias”, demandando a restauración dos “santos foros dos dereitos dos pobos por medio da verdadeira democracia” e solicitando “a liberdade, a igualdade, a fraternidade e a moralidade sincera”.

A derrota militar

A revolta de Ourense non tardou en ser derrotada, tras enviar o Goberno do Estado o 4 de outubro compañías militares doutras localidades á cidade. Segundo sinalaba La correspondencia de España o 7 de outubro de 1869, “ás 7 da mañá do día 2 foron presas todas as autoridades, agás o Concello, pois algúns tomaron parte, apoderándose despois do Goberno da provincia, tesourería e telégrafos e desarmando a oficiais e soldados”.

A xornada do 7 de outubro de 1869 producíronse diversos enfrontamentos armados con efectivos do exército e da Garda Civil, significándose o celebrado na Ponte das Burgas, onde “os republicanos instan á tropa que se entregue, esta resístese e rompen fogo dunha e doutra parte, caendo morto un tenente da Guarda Civil e un soldado de infantería”.

A resistencia alongouse varios días mais durante no rural da cidade, tras erguer os rebeldes barricadas, porén, estas nada puideron facer contra os novos reforzos chegados doutras partes da Galiza.

A represión

A derrota do levantamento abriu a porta á represión dos rebeldes e dos seus dirixentes. Unha parte destes, entre os que se atopaban os cadros máis significados como Francisco Casanova, Alejandro Quereizaeta, Xosé Gómez, Federico Anta, fuxiron  cara a Portugal, levando como reféns ao gobernador civil e militar de Ourense, instalándose posteriormente en Coímbra e retornando a Galiza tras ser amnistiados en 1871, unha vez proclamada a I República.

Outro grupo de republicanos foron detidos, procesados e encarcerados, pasando a practica totalidade do seu cativerio na prisión militar da Carraca, en Cádiz.

Alejandro Quereizaeta, nun artigo publicado en La Igualdad en 1870 desde o seu exilio en Coimbra, dirixido aos seus compañeiros recentemente liberados, sinalaba “queridos correlixionarios ao fin vos atopades na nosa querida cidade, após sufrir a sorte reservada aos defensores da xustiza, aos que aman a Galiza e a humanidade”.

Comentarios