Fin do IVE 'cero': aceite de oliva, ovos, pan, verduras e froita asumirán un tipo de 2% até decembro

A rebaixa do IVE a 0% no aceite de oliva e nos alimentos de primiera necesidade remata este 30 de setembro.
Marcas brancas de aceite de oliva incrementaron o prezo do litro até un 30%. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Botellas de aceite de oliva no estante dun supermercado. (Foto: Nós Diario)

A medida adoptada polo Goberno de situar o IVE no 0% nos alimentos básicos –pan, ovos, verduras ou froita– e no aceite de oliva decae desde esta terza feira, 1 de outubro, polo que o tipo subirá a 2% desde este día e até o 31 de decembro.

O pasado mes de xuño o Goberno español aprobou un real decreto polo que se prorrogaban as medidas para afrontar as consecuencias económicas, tamén as sociais, derivadas dos conflitos en Ucraína e Oriente Próximo, que provocaron unha alza dos prezos.

O aceite de oliva é o produto do cesto da compra que máis está a subir no último ano: acumula un incremento de 170,5% desde xaneiro de 2021

Neste decreto, a principal novidade, foi a do IVE do aceite de oliva, que xa sufrira unha rebaixa de 10% a 5% e pasou a 0% o pasado 1 de xullo, unha medida en vigor até o 30 de setembro. Despois situarase en 2% entre o 1 de outubro e o 31 de decembro.

IVE superreducido

A ministra de Facenda, María Jesús Montero, anunciou entón que o aceite de oliva entraba a formar parte do cesto de produtos e alimentos básicos, polo que terá sempre un tipo superreducido.

O tipo superreducido no Estado español é de 4%. Isto significa que cando os tipos volvan á normalidade, o IVE do aceite de oliva será de 4% no canto de 10% que viña soportando durante todo ese período anterior.

O aceite de oliva é o produto do cesto da compra que máis está a subir no último ano, segundo os datos do IPC do mes de agosto. Así, en taxa interanual (agosto de 2024 sobre o mesmo mes de 2023) o seu prezo elevouse un 25,1%, acumulando un incremento de 170,5% desde xaneiro de 2021.

Por outra parte, prorrogouse tamén até o 30 de setembro os tipos de 5% do IVE para a pasta e os aceites de semente, polo que a partir do 1 de outubro e até o 31 de decembro, seguindo as recomendacións da Comisión Europea para a retirada gradual de medidas anticrise, o tipo situarase en 7,5%.

Comentarios