Un libro reúne a historia de 'Os Nosos', xogadores e adestradores que militaron no Celta e Deportivo

Vicente Celeiro, ex xogador celtista e deportivista escribe o prólogo.

Interior

Celta ou Dépor? Pois ambos os dous. Esta podería ser a resposta á típica pregunta futboleira galega por parte dos futbolistas e adestradores que fan parte de 'Os Nosos', un libro que reúne a aqueles que ao longo da súa carreira deportiva militaron tanto na equipa celeste como na branqui-azul. Até agora nunca se recolleran as súas historias nunha obra.

Héctor J. Pena e Noela Rey, autores da obra, unen as súas paixóns (branquiazul no caso dun e celeste no caso da outra) para dar forma a un libro no que recollen as historias dos xogadores e adestradores que percorreron camiño de ida e volta entre A Coruña e Vigo. Un deles, Vicente Celeiro, querido en ámbolos dous clubs e que mesmo recoñece que ten un fillo do Celta e outro do Depor, é quen lle pon as primeiras palabras a este traballo tras aceptar realizar o seu prólogo.

os nososHistorias inéditas

Moitas das historias que aparecen nesta obra son descoñecidas ou mesmo inéditas, apontan os autores. Oriol Riera, Goran Djorovic, Jabo Irureta, Miguel Ángel Lotina, Fernando Vázquez, Flaco Gil, Pahíño ou Mariano son algúns dos nomes que figuran neste libro.

Financiamento

A plataforma Verkami dá a oportunidade de darlle forma física a 'Os Nosos' mediante o formato de crowdfunding. Até o 31 de outubro preténdense conseguir os 4.500 euros necesarios para publicar o libro en versión física. Todos aqueles que o desexen poden facer unha achega, dende a máis barata, de 12 euros, ata a máis cara, como mecenado de honra de 125 euros, pasando por formatos cun coste de 15, 18, 24, 30, 40 ou 60 euros, entre outros. Aos financiadores tan só se lles cobrará unha vez o proxecto acade os 4.500 euros precisos e será entón cando reciban tamén o libro no formato pagado e as recompensas accesorias.

Héctor J. Pena (A Coruña, 1985) é historiador do fútbol galego e membro do Centro Internacional de Historia e Estadística do Fútbol Español e da International Federation of Football History & StatisticsNoela Rey (Ponteareas, 1984) é unha xornalista do sur de Galicia afincada na Coruña que leva máis de dez anos traballando en diversos medios de comunicación galegos.

Comentarios