Notabilísimo Celta, decepcionante Depor e descoñecido Lugo

A xornada deitou os tres resultados posíbeis para as equipas galegas. Vitoria do Celta en Villareal (0-2), empate deportivista en Riazor perante o Sporting (1-1) e derrota -debacle- do Lugo en Girona (6-0).

celta
photo_camera celta


Comecemos polas boas noticias. Hóuboas e teñen o carimbo do Celta. A equipa de Luis Enrique, despois de deixar moi boas sensacións perante o Atlhetic, confirmou o seu excelente momento de forma cunha vitoria das que dan reputación, no Madrigal, perante un estupendo Villarreal.

O Villarreal puxo muito futebol sobre o relvado, porén bateu de máis cun Yoel en estado de graza. O xogo do Celta non foi todo o fluído que quixera Luis Enrique, mais se mantivo vivo en todo momento grazas á capacidade agonística, ao sufrimiento, dos seus futbolistas.

Resistir é gañar, así que o Celta chegou máis inteiro do que o Villarreal aos momentos decisivos. Aí apareceu Orellana, quen, nunha acción a balón parado, no minuto 83, acertou a colocar a bola na baliza defendida por Juan Carlos. Un golpe letal para a equipa levantina. Nolito, noutro balón parado, unha falta, selou o 0-2 no minuto 87.

Así as cousas, o Celta suma xa 29 pontos e consegue o maior colchón da tempada: 8 pontos de vantaxe a respeito dos postos que marcan o descenso. Se pomos o balanzo en relación ao campionato anterior, hai motivos máis que de abondo para o optimismo. No exercicio 2012-13, o Celta safou do descenso despois de totalizar 37 pontos en 38 partidos (a menos dun ponto por xogo!!!). Pois ben, un ano depois, leva xa 29 en 24 partidos (a razón de 1,2 pontos por encontro).

Agónico empate en Riazor

As cousas correron pior en Riazor. O Deportivo cedeu 2 pontos máis e ante un rival directo para o ascenso, que, aliás, se fai co gol average particular, o que pode resultar decisivo ao final tendo en conta a igualdade que marca o campionato.

Porén, o empate soubo a vitoria por como chegou: no último suspiro do desconto, nun barullo monumental na área sportinguista, unha acción tan caótica, unha selva de pernas, que ben ben ninguén soubo na bancada -nin na megafonía!- quen acertara a enviar o coiro ás mallas.

Foi Fabricio!!!! O berro alastrou as bancadas e deveu trending topic en segundos en Twitter. O porteiro canario, erguendo o puño contra o ceo riazoreño, alimentou aínda máis a impresión visual da freguesía branquiazul, convicta de que o seu gardamallas, como no xa mítico gol de Aranzubia en Almeria, tamén agónico, lograra aquilo que lle fora negado aos seus dianteiros, o gol. Mais non, non foi Fabricio, foi Toché, un dianteiro tan pouco ortodoxo nos seus movimentos e tan pouco destro no manexo da bola como aparentemente efectivo (xa leva 2 goles en Riazor nas súas aínda breves aparicións sobre o relvado).

O empate, con todo, non agacha as inconsistencias do xogo da equipa de Fernando. Incapacidade para criar xogo entre liñas. Demasiada intermitencia no xogo de Juan Domínguez. Bandas negadas para os centros. Fracaso de Rabello no seu papel como enganche entre o medio centro e a punta. E un Borja Bastón que non foi quen de chutar entre os tres paus nen sequer o penalti de que dispuxo poucos minutos despois de un novo gol a balón parado furar a portería branca e azul.

Debacle en Girona

A historia do Girona-Lugo resúmese no taboleiro de marcas: 6-0. Levaba o Lugo 410 minutos imbatido e, en troca, apañou 6 goles na súa visita ao Montilivi.

Todo o que podía saír mal, saiu mal. Non funcionou nada. Nen o ataque nen o centro do campo nen a defensa. Un horror.

Se ollamos as cousas desde o optimismo, este é o típico partido parvo que máis tarde ou máis cedo se che vai apresentar no camiño. E o Lugo chega a el despois de ter os deberes máis que feitos, sétimo, con 37 pontos, os mesmos que Numancia e Zaragoza, ambos no play off de ascenso.

A fotografía está tirada de CeltaVigo.Net

Comentarios