A acuicultura supera a produción da pesca a nivel mundial por primeira vez na historia

Esta terza feira, 1 de outubro, comeza a feira internacional de Conxemar.
O ministro español de Pesca, Luis Planas, esta segunda feira en Vigo. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
photo_camera O ministro español de Pesca, Luis Planas, esta segunda feira en Vigo. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)

O ministro español de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, xunto a outras autoridades, participou esta segunda feria xunto a outras personalidades na XII edición do congreso Conxemar-FAO que ten lugar cada no na xornada previa do inicio da XXV Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados. Este evento organizado por Conxemar en Vigo terá esta terza feira a súa inauguración e contará coa presenza de máis de 750 expositores de 46 Estados distintos.

O congreso estivo marcado polo informe O estado mundial da pesca e a acuicultura 2024, tamén coñecido como o informe Sofía (realizado cada dous anos), presentado polo director adxunto de Pesca e Acuicultura da FAO (Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación), Audun Lem.

"En 2022 e por primeira vez na historia, a acuicultura superou a pesca de captura como principal produtora de animais acuáticos. A produción acuícola mundial alcanzou a cifra sen precedentes de 130,9 millóns de toneladas, das cales 94,4 millóns de toneladas corresponden a animais acuáticos, é dicir, 51% da produción total de animais acuáticos", salienta a FAO como unha das principais conclusións do informe analizado esta segunda feira en Vigo.

Do total da produción de animais acuáticos, 89% destinouse ao consumo humano directo, salienta o informe, "o que pon de relevo o papel fundamental da pesca e a acuicultura no mantemento da seguridade alimentaria mundial". "O resto destinouse a usos indirectos ou non alimentarios, principalmente á produción de fariña e aceite de peixe", engade o documento.

O informe tamén referenda a importancia do sector mar-industria da Galiza, como principal potencia a nivel estatal deste sector. Deste modo, o documento desenvolto pola FAO constata que o Estado español se atopa na décima posición entre os Estados exportadores de produtos acuáticos de orixe animal por valor. Con todo, segundo o estudo, o español tamén é o cuarto Estado que máis produtos acuáticos de orixe animal importa ao seu mercado por valor.

Comentarios