A Fruga denuncia unha alteración de prezos "fraudulenta" por parte da industria a través do control do nivel de auga no leite

A organización demanda a convocatoria da Mesa do Leite.
Varias vacas de leite nunha granxa da parroquia de Piñeiro en Xermade (Terra Chá). [Foto: Carlos Castro / Europa Press]
photo_camera Varias vacas de leite nunha granxa da parroquia de Piñeiro en Xermade (Terra Chá). [Foto: Carlos Castro / Europa Press]

A Federación Rural Galega (Fruga) alertou esta segunda feira de que "algunhas industrias [do sector lácteo] utilizan de forma fraudulenta o punto crioscópico, que mide a presencia de auga no leite, para acometer baixadas encubertas no prezo do leite". Por este motivo, o sindicato agrario demandou á Consellaría do Medio Rural a convocatoria da Mesa do Leite.

O punto crioscópico é un parámetro baseado no punto de conxelación do leite que permite comprobar a presenza de auga engadida neste produto. Así, a súa finalidade é previr certos fraudes que se poden dar na comercialización do leite. 

O punto crioscópico atópase nun valor estimado de -0,512 graos. Polo tanto, un valor superior indica a existencia de auga engadida. Con todo, algunhas empresas, segundo a Fruga, están situando o valor de referencia en -0,515 ou -0,514. 

"Isto quere dicir que a industria está a aplicar penalizacións por ter menor presenza de auga da considerada como normal", salientou a Fruga. "Estas penalizacións son aplicadas na maior parte dos casos e a súas contías poden chegar a tres céntimos de euro por litro", acrecentou.

Comentarios