O prezo da luz cae 12%, mais segue por riba dos 380 euros/MWh

A luz custará menos nesta quinta feira entre as 17 e 18 horas, mentres que o prezo máis elevado darase de 22 a 23 horas.
Unha persoa prende a luz (Foto: Nós Diario).
photo_camera A luz é 227% máis cara que hai xusto un ano. (Foto: Nós Diario)

O prezo medio da luz para as persoas clientas de tarifa regulada caerá nesta quinta feira 12,4%, afastándose así dos máximos rexistrados nos dous últimos días, aínda que ficará por riba da cota dos 380 euros por megawatt e hora (euros/MWh).

En concreto, o prezo situarase nos 382,11 euros/MWh, cifra 54,14 euros inferior aos 436,25 euros/MWh que marcou para esta cuarta, no que foi o seu nivel máis alto desde que entrou en vigor o tope ao gas a mediados de xuño, segundo os datos provisionais do Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE).

Así, a electricidade é hoxe até 227,35% máis cara que hai xusto un ano, o 25 de agosto de 2021, cando o prezo ficaba nos 116,7 euros/MWh na tarifa regulada do Estado español.

Este prezo é o resultado de sumar a media da poxa no mercado á compensación que pagará a demanda ás centrais de ciclo combinado pola aplicación da 'excepción ibérica' para limitar o prezo do gas para a xeración de electricidade.

Na poxa, o prezo medio da luz do pool situouse para esta quinta feira en 161,88 euros/MWh. O prezo máximo rexistrarase entre as 22 e as 23 horas, con 209,26 euros/MWh, mentres que o mínimo para a xornada, de 133,1 euros/MWh, darase entre as 17 horas e as 18 horas.

A este prezo do pool súmase a compensación de 220,23 euros/MWh ás gasistas que ten que ser abonada polos consumidores beneficiarios da medida, os da tarifa regulada (PVPC) ou os que, a pesar de estaren no mercado libre, teñen unha tarifa indexada.

Este encarecemento dos últimos días da luz foi impulsado por un prezo do gas natural en niveis máximos, principalmente por mor do anuncio de Gazprom de cortar a partir do 31 de agosto e durante tres días o bombeo de gas a Alemaña. Nesta cuarta feira, os contratos a futuro do gas no mercado TTF holandés situábase por riba dos 287 euros/MWh, repuntando máis dun 5%.

Os prezos do mercado eléctrico para esta quinta no resto de países europeos tamén se relaxan en parte a respecto dos dous últimos días. Así, no caso de Francia sitúase por riba dos 630 euros/MWh, mentres que en Alemaña será de 599 euros/MWh e en Bélxica e Países Baixos de 588 e 585 euros/MWh, respectivamente.

Comentarios