Miles polo emprego en Compostela

"Queremos traballar e non emigrar". Ese foi o berro que asolagou este sábado 19 de outubro as rúas da capital galega na manifestación convocada pola CIG.

[Imaxe: O. RODIL]
photo_camera [Imaxe: O. RODIL]

A mobilización, inserida na campaña 100 medidas para o crecemento económico e o emprego, visou, en verbas do secretario xeral da central nacionalista, Suso Seixo, visibilizar "o desemprego" como "o principal problema de Galiza". "Un grave problema económico e social", asegurou o líder sindical que deita "as maiores cifras de paro da historia" do noso país e deixa milleiros de persoas "en risco de exclusión social". 

Nunha xornada en que a choiva deu tregua na capital galega, miles de manifestantes percorreron as rúas de Compostela para exixir "traballo digno na nosa terra" e un "cambio de rumbo nas políticas" da Xunta, do Goberno español e a UE, que poñan fin á precariedade laboral e a falta de oportunidades para a xente moza. Unha realidade, a da "emigración xuvenil", salientou Seixo, pouco antes de dar comezo a marcha, que está a empeorar a xa "grave crise demográfica" que atinxe Galiza. 

O portavoz nacional do Bloque, presente na manifestación, criticou os orzamentos presentados pola Xunta, unhas contas, dixo, "contrativas"

Na manifestación, en que tamén estivo presente unha comitiva da Executiva nacional do BNG, o seu portavoz, Xavier Vence, exixiu "a grande necesidade dun cambio de políticas" para "comezar a recuperar a actividade económica". Algo, subliñou, que non visan os Orzamentos presentados pola Xunta de Galiza,m dos que dixo, son "contrativos" e seguen "unha orientación equívoca".

"Contra o paro, loita obreira"

Face esta situación, clamaron @s participantes na mobilización "a loita obreira" e a "mobilización social" son unha ferramenta "necesaria" para exixir "dos poderes públicos" alternativas reais e unha "saída social á crise". 

"O futuro do noso país", aseverou ao remate da manifestación o secretario xeral da CIG, "está nas mans da clase traballadora" e non, salientou, "dos submisos" e "colonizados" que condenan "a Galiza a unha situación cada vez máis marxinada". 

A CIG levará ao Parlamento o debate sobre o desemprego e exixirá "un cambio de rumbo nas políticas" económicas

E é que as perto de 300.000 persoas que actualmente non teñen traballo no país están a centrar a campaña que a CIG desenvolve desde hai dúas semanas nas comarcas e centros de traballo do país. Unha campaña coa que, din, queren situar no centro do debate político e social a problemática do desemprego porque, asegurou Suso Seixo, "é falso" que non existan alternativas, pois "si se poden facer outras políticas" pensadas, insistiu, "nos intereses das maiorías sociais". Se non é así, denunciou, "é porque ao frente das institucións políticas" están "aqueles que defenden os intereses da oligarquía financeira" e non "da clase traballadora". 

Redución da xornada laboral e unha renda para desempregad@s

Neste senso, desde a CIG quixeron salientar nesta xornada de mobilización "algunhas das máis importantes" medidas que, ao entender da central nacionalista, urxe pór en marcha para reverter as consecuencias do desemprego. Unha banca pública ou unha reforma fiscal progresiva, mais tamén, subliñou Seixo, a loita a prol de "salarios dignos" e dun maior "reparto do tempo de traballo" en xornadas "de 35 horas". 

Entre as medidas propostas pola central sindical, reclaman salarios dignos e unha banca pública para financiar os sectores produtivos galegos

É hora, afirmou o secretario xeral da CIG, "de que sexamos máis os que poidamos traballar" nun momento, indicou, "en que os avanzos tecnolóxicos" permiten reducir as xornadas laborais d@s operari@s. Tamén, reivindicou "unha renda de inserción laboral" para aquelas persoas que están á procura dun posto de traballo e non contan "con ningunha prestación". 

Soberanía para defender o futuro do país
Porén, desde a central nacionalista quixeron facer fincapé na "necesidade" de que Galiza "conte con capacidade de decisión plena" sobre "os seus sectores produtivos". "É curioso", enfatizou Suso Seixo, "que nun país como o noso, que é potencia en moitos sectores, teñamos que seguir reivindicando o traballo". 

"A onde vai a riqueza que xeramos?", peguntouse o secretario xeral da central nacionalista, "alguén", dixo, "se está a facer con esa riqueza" porque "o Estado español e a Unión Europea" a través "das súas políticas neo-coloniais nos rouban o noso aforro, as materias primas e a enerxía". 

Neste senso, a CIG reclamou "soberanía", non como "ideloxismo", subliñou, "máis quixeran os poderosos", senón "para decidirmos por nós propios". 

Comentarios