Israel invade o Líbano

O Exército sionista fala dunha incursión "selectiva e limitada" para atacar "obxectivos de Hezbolá" na zona fronteiriza.
Ataque israelí á vila de Taibeh, no sur do Líbano, a segunda feira. (Foto: Marwan Naamani / ZUMA Press Wire / d / DPA vía Europa Press)
photo_camera Ataque israelí á vila de Taibeh, no sur do Líbano. (Foto: Marwan Naamani / ZUMA Press Wire / d / DPA vía Europa Press)

Finalmente Israel, tal e como facían presaxiar os acontecementos das últimas horas, optou por reproducir no sur do Líbano a invasión terrestre iniciada hai case un ano na Faixa de Gaza (Palestina). O Exército sionista fala dunha incursión "selectiva e limitada" para atacar "obxectivos de Hezbolá" na zona fronteiriza, se ben ese fóra o mesmo discurso empregado no inicio da cruenta ofensiva contra territorio palestino.

A ofensiva militar terrestre "selectiva e delimitada" no sur do Líbano veu precedida dunha intensa campaña de bombardeos contra Hezbolá malia os chamamentos internacionais, incluído o dos Estados Unidos, para que evitase unha invasión do país. Mais nada semella frear Israel.

Obxectivo de guerra

"De acordo cunha decisión a nivel político, as Forzas de Defensa de Israel (FDI) comezaron hai unhas horas unha operación terrestre selectiva e delimitada no sur do Líbano contra obxectivos terroristas e infraestruturas da organización terrorista Hezbolá, en varias aldeas próximas á fronteira, que representan unha ameaza inmediata e real para os asentamentos israelís na fronteira norte", anunciaron as FDI na súa conta da rede social X.

O Exército asegurou que se atopa "loitando e actuando" para lograr o seu obxectivo de guerra de lograr que os residentes do norte de Israel poidan volver aos seus fogares a case un ano da súa evacuación polo inicio dos ataques de Hezbolá en apoio ao Movemento de Resistencia Islámica (Hamás) na Faixa de Gaza.

"Pedimos que non se difundan rumores e informes non oficiais sobre as actividades das forzas das FDI, e que se ateñan unicamente aos anuncios oficiais", engadiron.

A posición de Hezbolá

Hezbolá, pola súa parte, asegurou causar baixas contra as forzas israelís nos pobos veciños de Adaisse e de Kfarkela, ambos os dous no sueste do país, onde practicamente fan fronteira con Israel. A milicia tamén lanzou un ataque de artillería contra unha agrupación de soldados no asentamento israelí de Shtula, que fai fronteira co sur de Líbano.

Ademais, as FDI notificaron a activación das alarmas antiaéreas na rexión de Merón, no norte do país, tras detectar o lanzamento de numerosos proxectís desde Líbano e dos que lograron interceptar algúns, mentres que outros caeron "en zonas abertas".

Neste sentido tamén informaron sobre a detección dun dron sobre o mar Mediterráneo a "decenas" de quilómetros da costa central do país. Até o de agora ningunha milicia proiraní reclamou a autoría deste intento de ataque.

Precedentes

A invasión tivo lugar despois de que o gabinete político de seguridade israelí aprobase a seguinte fase da operación e en cuxa reunión se protestou pola filtración de funcionarios estadounidenses, que previamente informaran sobre o inicio das incursións israelís, informou o diario Yedioth Ahronoth.

Cabe destacar que o Exército libanés repregárase até cinco quilómetros da fronteira tan só unhas horas antes da operación terrestre, aínda que xustificou esta decisión como unha forma de redespregamento das súas forzas, segundo a axencia de noticias estatal libanesa NNA.

A anunciada ofensiva enmárcase na operación 'Frechas do Norte', a campaña militar iniciada hai pouco máis dunha semana contra obxectivos de Hezbolá e desenvolverase "ao mesmo tempo que os combates en Gaza e outras áreas". Os ataques israelís incrementáronse desde mediados de setembro e acabaron coa vida de gran parte da cúpula de Hezbolá, incluído o seu secretario xeral, Hasán Nasralá, morto a pasada sexta feira nun bombardeo en Beirut.

Comentarios