Cambio climático: O Reino Unido fecha a última central térmica alimentada con carbón

Convértese no primeiro país do G7 en dar o paso.
Keir Starmer, líder británico. (Foto: Leon Neal / PA Wire / DPA vía Europa Press)
photo_camera Keir Starmer, líder británico. (Foto: Leon Neal / PA Wire / DPA vía Europa Press)

Despois de xerar electricidade a partir de carbón os últimos 142 anos, a segunda feira o Reino Unido fechou a última central que usaba este combustíbel fósil que quedaba no país, a de Ratcliffe-on-Soar, no centro de Inglaterra, que levaba case seis décadas en funcionamento.

Desta maneira, Londres converteuse no único membro do G7 que até o de agora puxo fin a este tipo de enerxía logo de alcanzar o último paso dunha política gobernamental iniciada hai case unha década, cando pouco menos dun terzo da electricidade procedía do carbón.

En países como Alemaña ou o Xapón máis dunha cuarta parte da electricidade aínda vén deste tipo de centrais térmicas. En tanto, fóra deste grupo de Estados outros países como Bélxica ou Suecia xa alcanzaron este fito.

“Cando comecei a miña carreira hai 36 anos ningún de nós imaxinou un futuro sen xeración de carbón nas nosas vidas”, sinalou Peter O’Grady, director da planta clausurada, no que cualificou como un “día emotivo”.

A pesar da nova, no noroeste inglés hai unha forte polémica pola aprobación por parte dos Gobernos conservadores da apertura dunha nova mina de carbón. A proposta foi rexeitada pola Xustiza en setembro, o que implica que en primeira instancia non se instalará pola negativa a promovela do actual Executivo laborista.

Tamén foi cuestionada a reconversión dunha central térmica para queimar pellets, a de Drax, que precisa sete millóns de toneladas de madeira ao ano para funcionar, emitindo 3% anual do dióxido de carbono do Reino Unido e producindo até 6% da electricidade.

O cambio climático está provocado sobre todo polo uso de combustíbeis fósiles, polo que a súa diminución é imprescindíbel para limitar a alza da temperatura na superficie da Terra.

Comentarios