Palabras con memoria: saúde

Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.
Chichote é sinónimo de croque, ou dun vulto producido como consecuencia dun golpe na cabeza. (Foto Siniehina)
photo_camera Chichote é sinónimo de croque, ou dun vulto producido como consecuencia dun golpe na cabeza. (Foto Siniehina)

chichote.- Pote, croque. Vulto producido como consecuencia dun golpe na cabeza.
Lugar de escoita.- Na zona da Limia.
Fonte.- Rafael Laso Lorenzo.

engatiñar.- Poñerse os dedos tesos, mesmo polo frío.
Lugar de escoita.- Gondaísque (Terra Chá).
Fonte.- Antonio Eimil.

esborrar(se).- Aspirar [un feto] durante o parto o líquido amniótico contaminado.
Exemplo.- "Non te preocupes, no hospital están ben preparados e non deixan esborrar ningún bebé . "Tardou en dar a luz, pero afortunadamente a criatura non se esborrou".
Lugar de escoita.- O Morrazo.
Fonte.- Marita de Lemos/ Eugenio Diz Moledo.
Outros apuntamentos.- Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

fisgoada.- Picada, lategazo, proído, comechón nun músculo ou nalgunha parte do corpo, frisgoada.
Exemplo.- "Esta noite deume unha fisgoada nunha perna e adoecín coa dor".
Lugar de escoita.- Bisbarra de Navia de Suarna.
Fonte.- ENDL de Navia/(Estrella de Navia e Raquel de Son).

ter palrusía.- Tremerlle a unha persoa as mans.
Exemplo.- "Ese ten palrusía".
Lugar de escoita.- Castrelo (Concello de Forcarei).
Fonte.- Informante de Manuel Cabada Castro.

Comentarios