Miles de persoas reivindican en Compostela "a forza da nación galega"

Ana Pontón ante unha ateigada Quintana (Foto: Arxina)
Ana Pontón afirma, ante unha ateigada praza da Quintana, que o BNG soubo cambiar á par da sociedade galega mantendo os seus principios.

Miles de persoas procedentes de todas as comarcas galegas —ao redor de 20.000 persoas— manifestáronse esta quinta feira polas rúas de Compostela convocadas polo BNG nunha grande mobilización polo Día da Patria Galega baixo o lema A forza deste país. A manifestación partiu da Alameda da capital galega pasadas as 12 horas entre bandeiras, gaitas, bombos do Baixo Miño e consignas, e presidida por unha bandeira da Patria xigante; para percorrer as rúas composteláns e desembocar na praza da Quintana. Este 25 de xullo fixéronse 40 anos da “recuperación” da zona vella para a manifestación nacionalista, á que se lle prohibira acceder ao corazón de pedra da capital entre 1981 e 1983. “Non renunciamos á Patria galega”, un dos lemas coreados esta quinta polos manifestantes e que xa estaba presente naquel Día da Patria Galega de 1984.

 

A faixa co lema deste ano,portada pola Executiva nacional do BNG coa súa portavoz nacional á fronte, Ana Pontón; percorría a capital e ía abrindo paso a unha riada de miles de persoas que celebraban a nación galega. Faixas en defensa do galego ou da sanidade pública, contra Altri e os proxectos de “destrución do territorio”, de defensa dos sectores produtivos, reivindicando a soberanía nacional.... Destacaba unha faixa xigante cos rostros de Castelao e Rosalía, dúas figuras que malia os pasos dos anos, das décadas, manteñen a súa vixencia na simboloxía do nacionalismo.  Na manifestación puido verse de novo ao histórico nacionalista Xosé Manuel Beiras, quen xunto Martiño Noriega e Antón Sánchez levaban a pancarta de Anova, coa que a formación escenifica a súa sintonía co proxecto do BNG.

De Laracha a Andalucía

Entre as miles de asistentes á mobilización do BNG, tres rapazas da Laracha (comarca de Bergantiños), Miriam, Mencía e Uxía. "Xa viñamos ao Día da Patria Galega cos noso pais", afirman, e desde entón continúan acudindo a esta cita na capital galega polo 25 de xullo, "é xa unha tradición que queremos continuar". Máis veteranas que as rapazas da Laracha son Mari Reme, Juana e Carme, as dúas primeiras andaluzas de Málaga e a terceira galega. Carme defende a importancia de estar presente nesta manifestación para defender "que a Galiza poida decidir en todo o que lle afecta,", así como un acto de defensa da Galiza "e do galego, que temos que protexelo". Tamén están na mobilización Jaime e Artur, de Compostela, que destacan que esta é unha xornada para "mostrar o que é un sentimento popular, como galegos". Ou Xaime e María, de Portonovo (Sanxenxo, comarca do Salnés) e que están en Compostela para "reivindicar a independencia da nosa patria". Daniel, da Coruña, e que asiste á manifestación coa súa filla, salienta que é un día no que "todas as reivindicacións que percorren o país están aquí presentes". 

Unha Quintana até a bandeira

Olalla Rodil, viceportavoz parlamentaria do BNG, foi a encargada un ano máis de dar a benvida a todas as asistentes que ían entrando na praza da Quintana, un ano máis cheea até a bandeira no Día da Patria Galega, e de saudar ás asociacións, organizacións e colectivos que apoian a manifestación nacionalista. A seguir intervén a secretaria xeral de Galiza Nova, Marta Gómez. "O nacionalismo galego está vivo e é a única forza que fai avanzar este país", afirmou. Destacou a importancia da mocidade á hora de "facer país e de liberar a Galiza". 

"Imos seguir a facer historia"

A portavoz nacional, Ana Pontón, principiou a súa intervención lembrando o seu primeiro Día da Patria Galega, "hai 30 anos" e como daquela, ao igual que agora, "o BNG é a esperanza de todo un pobo". Destacou o éxito “sen precedentes” do 18-F. “A confianza nas nosas posibilidades e no noso pobo e o entusiasmo nun futuro mellor levaron ao mellor resultado da nosa historia”, sinalou.

Lembrou Pontón que o BNG marcou en 2016 "unha nova liña política". "Pode ser que a sociedade galega mudara nestes oito anos. Pero quen máis cambiou foi o BNG. Cambiamos moito pero hai  algo que se mantivo firme, todos e cada un dos nosos principios, avanzamos sen renunciar a ningún dos principios do nacionalismo galego, a ningún.  Dicímolo con todo o orgullo, no BNG somos nacionalistas e a moita honra", defendeu entre os aplausos dos asistentes.

Pontón deixou claro o compromiso do BNG para usar toda esa “capacidade de incidencia social e institucional” a favor de Galiza fronte a un Goberno de Alfonso Rueda do que dixo que pon os "intereses das multinacionais e das empresas amigas do PP por diante de Galiza. Dá vergoña allea velo de axente comercial da portuguesa Altri", indicou.

No seu discurso, a líder nacionalista non obvio o contexto internacional “convulso” e marcado polos "ventos de guerra", destacando que o nacionalismo galego sempre foi “solidario, antiimperialista e defensor da convivencia pacífica dos pobos”. Por iso, neste momento a prioridade, a tarefa máis urxente “é construír a paz”, sinalou, facendo fincapé no que acontece na faixa de Gaza. 

O acto rematou co Himno galego, cantado polos miles de asistentes. "Somos parte dunha enerxía colectiva que non ten límites, unidas por unha causa común que é Galiza", resumira momentos antes Ana Pontón.