É habitual, desde hai anos, unha redobrada da presenza policial en Compostela nas xornadas previas ao Día da Patria Galega. Unha presenza que nesta ocasión se reforzou aínda máis pola visita de Felipe VI o 25 de xullo na capital para participar na "Ofrenda ao Apóstolo".
Varias testemuñas relataron a Nós Diario que na noite do 24 de xullo, véspera do Día da Patria, na zona vella de Compostela houbo identificacións e rexistros a persoas por simplemente levar a bandeira galega ou colantes e camisolas con lemas e motivos independentistas.
A rondalla independentista cancelada
Varios antidisturbios, ademais, situáronse nas proximidades do centro social Escárnio e Maldizer, onde decorría unha cea de solidariedade cos presos independentistas, o que motivou que a "rondalha" da Mocidade pola Independencia prevista para as 23.30 horas non saíse finalmente do local.
Detención
Desde GZ contrainfo, ademais, informouse nas redes de que "na noite do 24 de xullo un antigo colaborador de GZ Contrainfo traballador do audiovisual, que viña de cear con amizades, recebeu unha malleira no cruce de Casas Reais con Cervantes ao tentar cruzar un cordón policial de camiño a casa. Foi detido. Está acusado de atentado contra a autoridade contra 3 antidisturbios. O noso amigo recebeu golpes por parte de secretas e antidisturbios na cabeza, pescozo, meixelas, e inmobilizarono no chan presionándolle o pescozo, sen chegar a perder a consciencia. Foi trasladado ao hospital".
🔴 Os "antidistúrbios" da Polícia espanhola tenhem cercado neste momento o CSO Escárnio e Maldizer. Nom deixam sair. Estamos a mediar para tentar que permitam sair à rondalha.
— MpI (Mocidade pola Independência) (@mocidadeindepe) July 24, 2020
Stop repressom espanhola!
Avante a mocidade independentista!
(Fotos: @gzcontrainfo). pic.twitter.com/G29VgPEczM
Xa o día 25 a presenza policial na zona vella foi "abafante" e mesmo dificultou o acceso por determinadas zonas de persoas a actos do nacionalismo ou independentismo coa desculpa da "seguridade" pola presenza do monarca español.