-A que se dedican en Atalanta Madera?
Nós somos un obradoiro de tornaría, e estamos situadas en Berres, que é unha parroquia da Estrada. Queremos dignificar o uso da madeira dentro da vida cotiá. Comezamos a facer pratos moi finiños e liviáns, con acabado alimentario para que se poidan empregar en calquera cociña. Iso facilita a súa limpeza e o seu mantemento. Ademais, empregamos tanto madeiras con acabado natural como tres cores que son translúcidas e que deixan ver a veta da madeira, pero que permiten ter pratos en cor berenxena, en azul ou en laranxa. O único punto feble que teñen é que non se pode cortar comida neles, xa que iso raiará a película protectora.
-Din na súa páxina web que a súa familia vive da tornaría desde o século XIX ou mesmo antes. Por que decidiron seguir coa tradición familiar?
A miña irmá foi a primeira que decidiu incorporarse ao obradoiro que naquel momento tiña o noso pai. Aí decidiron sacar unha nova liña de pezas, e crear unha marca comercial, Atalanta Madera, que naceu no ano 1998, para comercializar directamente pezas de madeira. Miña irmá deseñábaas, meu pai torneábaas, e ela rematábaas. Foi a primeira vez que no noso obradoiro se facía o ciclo completo de confección dunha peza. Sobre o ano 2002, despois de que eu rematase a carreira, propúxenlle a meu pai que me ensinase a tornear, e el aceptou, porque estaba encantado de que non se perdese o coñecemento. Desgraciadamente non me deu tempo de ter moitas ensinanzas, porque aos dous anos de comezar o meu pai faleceu. Despois, decidín que ía intentar manter o obradoiro, e se o tiña que fechar, que fose porque non había traballo, non por non haber coñecemento e sabedoría.
-Cal é o seu método de traballo?
Eu dedícome en exclusiva ao torneo, e a miña irmá fai os acabados, mais todo o proceso de crear unha peza é un labor conxunto. Pensar en que pezas construír e como construílas, que usos darlle... é algo que facemos de xeito conxunto. E logo, no que son xestións máis administrativas ou loxísticas, eu máis ben me encargo das redes sociais, mentres que Ana encárgase da parte comercial. Mais realmente somos dúas autónomas e temos que facer de todo para que o negocio poida saír adiante.
-Que acollida teñen as súas pezas?
A verdade é que moi boa. Non temos aínda unha repercusión moi grande en canto a ventas e en canto ao coñecemento do público en xeral. Mais a verdade é que o retorno que temos das pezas que saen do obradoiro é moi bo. Sempre traballamos con hostalaría dun certo nivel, con esta vaga de novas cociñeiras que coidan moito a presentación e que que buscan formatos diferentes. Xusto a mediados deste mes saíron dúas fornadas de pezas que foron peticións específicas de Pepe Solla e da cociñeira valenciana Begoña Rodrigo. Ademais, á xente tamén lle chama moito a atención que teñan acabado alimentario. O tacto que teñen fai que sexan pezas ás que a xente lles colle cariño. Penso que a xente debería facer na cociña coa madeira o que fai coa roupa, ter un fondo de armario.
-É importante que proxectos como o voso existan para non perder os oficios tradicionais?
Claro. A xente non demanda o que non coñece. Os oficios tradicionais, ao perderse o uso tradicional das pezas que se facían, están case abocados a desaparecer. Debemos, por un lado, axudar a gardar todo ese saber, e por outro, debemos aplicalo a novos ámbitos. Seguir a manter os oficios antigos con usos modernos para os que valen perfectamente, porque son cousas que podemos facer desde os obradoiros. Non se pode permitir que se estea a perder sabedoría popular a pasos axigantados.