Mobilidade

Estas son as claves para unha futura conexión ferroviaria directa entre Lugo e Compostela

Un viario entre Ordes e Curtis permitiría conectar Compostela e Lugo nuns 45 minutos. (Mapa: Nós Diario)

A conexión ferroviaria entre Lugo e Compostela está un paso máis perto despois de que o Ministerio español de Transportes anunciara esta segunda feira a licitación dun estudo de viabilidade desta liña. Esta conexión figura no acordo de investidura firmado polo BNG e o PSOE. A construción dunha variante entre Ordes e Curtis posibilitaría conectar a cidade das murallas coa capital en menos de 45 minutos.

O Ministerio español de Transportes e Mobilidade Sostíbel anunciou esta segunda feira a licitación dun estudo de viabilidade para a conexión ferroviaria directa entre as cidades de Lugo e Santiago de Compostela a través dunha nova variante entre a liña León-A Coruña e o Eixo Atlántico.

A redacción do estudo, que constará de dúas fases, saíu a concurso por un importe de 423.500 euros e persegue, segundo o Ministerio, definir un novo trazado capaz de "renovar e modernizar" a conexión ferroviaria entre Lugo, a capital da Galiza e as principais cidades da cornixa atlántica.

A primeira fase do estudo estará centrada en analizar a mobilidade no ámbito da cidade amurallada para poder avaliar os fluxos de viaxeiros e viaxeiras, determinar as necesidades da poboación e estabelecer o nivel de demanda de novos servizos de transporte na cidade de Lugo e na súa contorna de influencia.

Durante a segunda traballarase directamente na caracterización do trazado a través dunha nova variante entre a liña León-A Coruña e o Eixo Atlántico de Alta Velocidade, á vez que se procederá a avaliar os traballos de acondicionamento necesarios na liña ferroviaria xa existente.

Finalmente, precisou o Ministerio, analizarase a conveniencia das alternativas propostas con base "nun estudo de rendibilidade socieconómica" que tomará en consideración "a demanda e os tempos de viaxe previstos".

O BNG foi a primeira formación política en reclamar esta infraestrutura e, de feito, o impulso a este proxecto foi unha das condicións que puxo para dar o seu apoio á investidura de Pedro Sánchez en novembro do ano pasado.

Así, o estudo de viabilidade, dá resposta a unha demanda antiga da veciñanza luguesa e encádrase dentro das actuacións previstas desde o Ministerio para modernizar a rede ferroviaria galega mellorando algúns "trazados centenarios" que impedían, indicou o departamento, o desenvolvemento de "conexións eficaces" e que se traducían nunha "baixa competitividade" do ferrocarril en relación a outros medios de transporte.

Reaccións políticas

Foi o ministro de Transportes e Mobilidade Sostíbel, Óscar Puente, o encargado de facer pública esta nova. "Licitamos o estudo de viabilidade para mellorar a conexión ferroviaria entre Lugo e Santiago de Compostela", sinalou.

"Traballamos para definir un novo trazado coas máximas prestacións e seguir avanzando na modernización e impulso do tren na Galiza", engadiu. "A nova estación de Lugo, xa en construción, será o punto de partida dese novo trazado", concluíu o ministro.

Néstor Rego puxo en valor o acordo para a investidura de Pedro Sánchez

"Grazas ao acordo de investidura que conseguiu o BNG hai cousas que se van movendo en positivo. Fica moito por mellorar, especialmente en materia ferroviaria! Mais é importante ir avanzando", sinalou esta segunda feira Néstor Rego, portavoz do BNG no Congreso. En declaracións a Nós Diario, destacou a "importancia" do anuncio e puxo en valor que supón o cumprimento do acordo entre BNG e PSOE de licitar o estudo de viabilidade en 2024. 

Así mesmo, Rego lembrou que, en base ao acordo de investidura, tamén se deben pór en marcha durante esta anualidade o anteproxecto da modernización da liña entre A Coruña e Ferrol e do baipás de Betanzos, así como o estudo de viabilidade para a implantación do tren de proximidade a nivel galego, "proxectos nos que temos constancia de que se está traballando". 

"Non deixa de ser sorprendente que dúas cidades galegas tan importantes non estean conectadas, o que choca co discurso da transición enerxética e é unha mostra da discriminación histórica que padece a Galiza por parte do Goberno español en materia de infraestruturas", concluíu Rego. 

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos (PSdeG), mostrou esta segunda feira a súa satisfacción polo anuncio do estudo de viabilidade para a conexión ferroviaria directa entre con Compostela, que a rexedora socialista cualifica como un "obxectivo irrenunciábel".

Satisfeito co "avance", mais ao tempo crítico coa xestión do Executivo español en materia ferroviaria, mostrouse o tenente de alcalde e portavoz do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, que definiu como unha "boa noticia" o estudo de viabilidade anunciado, mais tamén alertou do "importante atraso" no que segue sumido ao seu xuízo Lugo en materia de conexións por ferrocarril.

Pola súa parte, o presidente da Deputación de Lugo, o socialista José Tomé, cualificou a noticia como unha mostra do "compromiso firme" do Goberno estatal coa "modernización das comunicacións na Galiza" e como unha "aposta por mellorar a conectividade de Lugo" coas demais cidades do Eixo Atlántico.

Escepticismo da Xunta

A Xunta da Galiza congratulouse esta segunda feira pola licitación do estudo de viabilidade para a conexión por tren entre Compostela e Lugo, mais mostrouse "escéptica" coa súa materialización debido ás "demoras e incumprimentos" do Goberno estatal non só co transporte ferroviario, senón "tamén con outras infraestruturas".

Así se pronunciou o Executivo tras o anuncio da adxudicación do estudo de viabilidade. A Consellaría de Presidencia, que ten competencias en mobilidade, saudou este paso e dixo esperar que o proxecto "se materialice en tempo". Con todo, lembrou as "demoras e incumprimentos" que atravesan outras infraestruturas, como a conexión de alta velocidade con Portugal ou a chegada da alta velocidade ás cidades galegas.

O traxecto actual de Lugo á capital dura  máis de 150 minutos e ten transbordos

Unha nova vía cunha extensión de ao redor de 27 quilómetros entre Curtis (As Mariñas) e Ordes (comarca homónima) conectaría a cidade das murallas coa capital da Galiza. Segundo algunhas das estimacións realizadas até o momento para esta conexión, a obra, que custaría sobre 300 millóns de euros e podería ter unha duración de até 10 anos, posibilitaría realizar viaxes en tren entre Lugo e Compostela en menos de 45 minutos. 

Os 27 quilómetros necesarios para poder realizar a conexión son unha zona practicamente chá, na que tampouco hai ríos de grande entidade, polo que non sería precisa a construción de túneles nin de longas pontes, algúns dos elementos que máis encarecen e dilatan as obras ferroviarias. Ademais, durante este percorrido non hai zonas habitadas de gran tamaño e os pequenos núcleos existentes poderíanse ser esquivados sen dificultades.

Na actualidade, Renfe ofrece catro servizos entre Lugo e Compostela e todos obrigan a facer transbordos en Ourense e A Coruña, con conexións entre as 2 horas e 43 minutos (a máis rápida) e as 3 horas e 54 minutos.

As paradas de Ordes e curtis atópanse a tan só 27 km de distancia

A ausencia desta conexión ferroviaria entre Lugo e Santiago de Compostela, así como as carencias da ruta entre a cidade das murallas e A Coruña, motivaron multitude de manifestacións e protestas en Lugo durante os últimos anos. Neste sentido, a execución da nova conexión tamén serviría para mellorar o servizo entre Lugo e a cidade herculina. 

Aliás, segundo anunciou o ministro Óscar Puente no pasado mes de xuño, a nova estación de tren estará lista no ano 2025.