Opinión

Decadencia e renacemento

Fronte á decrepitude intelectual do occidente colectivo, mergullado coma nunca nunha grave prostración mental ao final da súa dilatada e brillante historia, a capacidade para pensar de forma independente dalgunha xente (do centro imperial) fai abrollar a esperanza de que aínda hai algunha oportunidade para un futuro (en paz), parafraseando a Lennon. Hai pouco apareceu en Consortium News un artigo de Craig Murray sobre a crise do capitalismo que nos devolve a fe na capacidade de renacemento da humanidade.

Murray, nos seus tempos mozos afiliado ao Partido Liberal británico, ademais de diplomático e profesor universitario, ilústranos sobre a involución da partitocracia sistémica do seu país. Sinala como na década dos 70 do pasado século unha parte significativa da mocidade británica cría que o período dourado do capitalismo "social" lograra bos servizos públicos e salarios dignos, "reducindo o abismo entre os ricos e a xente común". Un partido coma o PL permitíase ter un programa escorado á "esquerda", ata o punto de que nun manifesto de 1974 se podían ler cousas como "garantir un ingreso básico para toda a sociedade, participación dos obreiros nos beneficios das empresas privadas" ou "romper as concentracións monopólicas de poder político e económico", entre outros obxectivos. Postulados tan afastados dos paradigmas neoliberais actuais que Murray non dubida en afirmar que hoxe se situarían á esquerda do Partido Laborista ("Starmer sería expulsado", sinala ironicamente). Así, Murray, sen moverse un ápice dos seus postulados de hai case 50 anos, di que se encontra actualmente na "extrema esquerda" do espectro político británico. Un resumo brillante do estado de disonancia cognitiva en que se encontra occidente.

Que ocorreu, entre tanto? A era dourada do capitalismo clásico (en USA e na Europa do plan Marshall) chegou ao seu cénit a finais dos setenta e, xa na década seguinte, abrollou de forma progresiva o pensamento neoliberal dos recortes sociais e a voracidade sen límites das elites, sepultando no esquecemento as décadas anteriores. Da deriva do antigo PL o máis salientábel foi o ascenso do seu líder Nick Clegg á presidencia de asuntos globais de Meta (Facebook).

En canto ao Partido Laborista, dende o goberno de Tony Blair (o das Azores, con Bush e Aznar) ficou coma un partido máis sistémico ca nunca, totalmente pregado ás esixencias do capitalismo financeiro (Blair é o seu embaixador actual). Ata o punto,de que a aparición dun líder minimamente decente como Jeremy Corbyn acabou coa súa defenestración pola quinta columna que odia todo o que cheire a esquerda. Con este panorama o Partido Conservador só tiña que observar e gañar. Esta involución partidista é comparábel ao que sucedeu co PSD, o PSF ou mesmo co PSOE, sen contar a dereitización de partidos minoritarios, como os verdes alemáns, perfectamente funcionais aos intereses do capital financeiro.

Finalmente, Murray admite "(resulta) que Marx tiña razón" ata o punto de que só "un cambio na propiedade dos activos financeiros é o único que pode solucionar a situación". Unha conversión pauliña? Non, elemental sentido común.

Comentarios