Opinión

A guerra da información

Durante a guerra de Iugoslavia, a OTAN usou unha nova técnica de intoxicación informativa fabricando crimes de guerra mediante montaxes cinematográficas. O portavoz da OTAN daquela, o británico Jamie Shea, dedicábase a subministrar diariamente aos xornalistas acreditados en Bruxelas materiais con supostas atrocidades cometidas polos serbios. Non facía falta investigar, a OTAN encargábase de "preparar" o material, como denunciou o xornalista Thierry Meyssan. Esa mesma estratexia foi empregada polo exército norteamericano e o MI-6 británico en Siria acusando a Assad de crimes que máis tarde se demostrou que eran montaxes dunha ONG controlada polos británicos.

Agora, como daquela, os medios repiten todo o que di a OTAN, o demais é "falso". Na Ucraína o xornalismo de investigación foi substituído por montaxes sistemáticas de supostos crimes de guerra que pasan por auténticos sen a máis mínima avaliación independente. As montaxes chegaron a utilizar imaxes de Gaza, China, México e incluso un videoxogo. Porén, a veracidade dese material foi aceptada pola maioría dos medios (TVE, El País, NYT, etc.) sen que mediase ningunha comprobación sobre a súa verdadeira orixe. Así, foi dada por certa a noticia de que un cento de soldados ucraínos foran executados polos rusos nunha illa do Mar Negro, feito que foi desmentido ao día seguinte polos propios soldados, que foran tomados prisioneiros. Mentres, o xornalista Rubén Gisbert que informou das matanzas neonazis no Donbass, foi ameazado de morte polos ucraínos e tivo que fuxir. Pero iso non é noticia.

Outra montaxe similar foi o bombardeo da maternidade de Mariupol. Despois sóubose que o hospital fora tomado e desaloxado polo exército ucraíno, datos que a ONU coñecía e non desmentiu. De forma curiosa, os vídeos máis "vistosos" sempre aparecen no momento oportuno para tapar algunha noticia transcendente, como o achado de laboratorios que EUA explotaba en Ucraína para a guerra biolóxica e que constitúen unha auténtica ameaza para a seguridade europea.

E chegamos ás imaxes do masacre de Bucha, na periferia de Kíiv. O Pentágono xa advertiu que non podía verificar a súa autenticidade. Moi estraño. A pesar diso, o NYT amosou imaxes dalgúns cadáveres tiroteados na rúa en perfecto estado de conservación que disque levaban alí dende... mediados de marzo (dúas semanas!). O curioso é que o escándalo xorde catro días despois de que os rusos abandonasen o lugar como consecuencia das conversas de paz. Ten algún sentido que os rusos maten e deixen a civís mortos nas rúas para que logo os acusen de xenocidio? Mesmo nas gravacións da policía ucraína realizadas o día da partida rusa, e nos días seguintes, non aparecen denuncias de masacres na cidade. Ou os rusos son moi estúpidos ou os ucraínos están moi seguros da súa impunidade. Xulguen vostedes.

Finalmente, Rusia convocou con urxencia o CS da ONU para tratar esa acusación, pero o Reino Unido vetouno. Premido pola sospeita, ao día seguinte aceptou. En definitiva, non se debería investigar de forma independente e obxectiva o que pasou en Bucha? Sería o razoábel, fosen rusos ou neonazis os responsábeis.

Comentarios