Opinión

A capacidade de decidir: un debate necesario

Triste resulta escoitar voces pretensamente nacionalistas afirmando que non é este o momento de defender o dereito a decidir do pobo galego, concretamente no Parlamento de Galiza. Razóase desde a constatación da maioría absoluta do PP e do estado da conciencia social, expresado como síntoma nas urnas, para o desaconsellar.


Triste resulta escoitar voces pretensamente nacionalistas afirmando que non é este o momento de defender o dereito a decidir do pobo galego, concretamente no Parlamento de Galiza. Razóase desde a constatación da maioría absoluta do PP e do estado da conciencia social, expresado como síntoma nas urnas, para o desaconsellar. Esta argumentación fundaméntase nunha visión puramente institucional do problema, que, dáse a casualidade, na Galiza non foi defendida por ninguén, como exclusiva ou preferente. Cinxilo a un debate parlamentar inconveniente persegue non entrar nas causas reais do desacougo, da incomodidade e da discrepancia que lles provoca a algúns a aparición deste debate a nivel social.

En primeiro lugar, os que se empeñan en analizar a crise económica, social e política sen vinculala para nada, nas solucións ou alternativas, á soberanía de Galiza ven o debate como un inconveniente non desexado. Para eles non debe subliñarse a relación da crise nin co modelo de Estado capitalista centralista nin co da UE globalizada e xerarquizada. Esta disociación, porén, conduce na Galiza a máis do mesmo, a seguir na subordinación e na dependencia que é unha causa fundamental da situación crítica que vive o país. Esta posición, que posterga ou anula a cuestión nacional galega, neste contexto de capitalismo globalizado, amosa unha visión da opresión social e económica tan xenérica, abstracta e fóra das determinacións específicas, que nunca vai forzar a igualdade entre os pobos ou as nacións. Dando por indiscutíbeis os macrodeseños institucionais dos Estados e da UE, co seu mercado global, condenamos o pobo galego, entre outros, á marxinalidade e á indefensión, sen o mínimo brío político propio para combater as causas que o teñen colocado ao borde do abismo: sen produción, sen traballo, avellentado, en retroceso demográfico e sen autoestima. Así Galiza non existe politicamente, os seus problemas económicos, sociais e culturais tampouco: non temos obxectivos políticos propios. Velaí a consecuencia da visión da esquerda española na Galiza, tan antinacionalista como defensora dunha unidade que desatende a cuestión nacional, concibíndoa, todo o máis, como algo identitario ou cultural: nada a ver cos intereses das clases populares ou coa forma como se exerce a explotación. Pode esperar eternamente...

"Velaí a consecuencia da visión da esquerda española na Galiza, tan antinacionalista como defensora dunha unidade que desatende a cuestión nacional"

En segundo lugar, están precisamente supostos nacionalistas que, deixándose levar por cantos de serea, poñen a unidade coa esquerda española por enriba da unidade interna do nacionalismo. Deste xeito, non fan máis que enfraquecer a causa, a defensa, do pobo galego, contribuíndo a afondar na conciencia popular a idea de que a solución só pode vir de fóra. Non é esta a mellor maneira de pedagoxía para facernos conscientes da nosa capacidade e da necesidade de decidir libremente, en función dos nosos intereses, configurando unha vontade política propia como pobo. Significa seguir enganchado a unha estratexia que non nos contempla na nosa especificidade. Velaquí por que o PP, neste momento, promove e procura neste ámbito ideolóxico os discursos contra a defensa da capacidade de decidir na Galiza a espallar nos medios de comunicación de titularidade pública, RTVG. Hai que lamentar a nula cautela e prevención dalgunhas voces, soi-disant nacionalistas, para non seren instrumentalizadas de forma tan perversa e evidente...

A crise política do réxime vixente medra de maneira acelerada. Hai que estar cegos para non nos decatar de que esta crise de lexitimidade só pode desembocar en dúas saídas antagónicas: ou unha recentralización aínda máis españolizadora con involución social e económica para as maiorías sociais, ou unha asunción da plurinacionalidade do Estado, desde o exercicio da soberanía das nacións, mesmo con independencia, favorábel ás clases populares. Nesta dicotomía, neste escenario, a ausencia, o silencio ou a febleza dun perfil político propio do pobo galego resultan de extrema gravidade. Non serven máis que para manternos atados a unha concepción da unidade, como subordinación e dependencia, que, á vista da experiencia, é suicida.. Ninguén vai defender nin facer por nós o que nos corresponde a nós asumir e defender na práctica.

 "Neste escenario, a ausencia, o silencio ou a febleza dun perfil político propio do pobo galego resultan de extrema gravidade"

Admitamos o estado de confusión da conciencia social galega a este respecto, como tamén a evidente derrota de posicións soberanistas nunha hipotética votación parlamentar. Pode isto servir de coartada para desentendernos da responsabilidade a que obriga a actual conxuntura, por non falarmos do esencial que é para a causa nacionalista , e para o país, a intervención pedagóxica continua na sociedade sobre esta cuestión? Se o estado da conciencia social non é o requirido, razón de máis para incidir, para subliñar, de forma persistente, pedagóxica, reveladora, contextualizada, por que Galiza necesita, máis do que ninguén, deixar de ser unha nación sometida a deseños de dependencia no Estado español e na UE, que nos causan un presente tan dramático e nos anulan o futuro. Os problemas á vista están. Descubramos quen e por que os causa. Hai condicións obxectivas para facelo. As solucións non van vir nin de máis UE nin de máis España. Virán de máis conciencia da nosa capacidade, da nosa responsabilidade, dos nosos dereitos e deberes como pobo. De máis dignidade. Malia tanta intoxicación mediática, ignorancia promovida, caos e miseria política e confusión electoral, a ocasión é única. Non hai que desaproveitala. Permítaseme unha apostila: no Parlamento Galego están condenadas ao fracaso, hoxe por hoxe, calquera proposta ou reivindicación, por pequena que for, que beneficie as maiorías sociais do país e o dereito do pobo galego a ser el mesmo, a defender os seus intereses. Autoriza este fracaso anunciado a eximirse de presentalas e defendelas en sede parlamentar? Non estamos para formular só o que o PP ou calquera partido de ámbito estatal poidan tolerar. Polo demais, non é no Parlamento Galego, onde se debe centrar, hoxe por hoxe, de forma preferente ou exclusiva, este debate, pero non hai que excluílo, por máis que se privilexie o conxunto da sociedade e as súas organizacións representativas...

·As solucións non van vir nin de máis UE nin de máis España. Virán de máis conciencia da nosa capacidade, da nosa responsabilidade, dos nosos dereitos e deberes como pobo"

O que vai contar vai ser a nosa predisposición e empeño a que esta causa teña alcance e impacto social e popular. O resultado dependerá da nosa capacidade para impulsar e erguer un movemento social suprapartidario a prol da necesidade de decidir, do dereito de autodeterminación, da soberanía, como algo vital. Vainos a vida en que o pobo galego asuma, a cada paso de forma máis ampla, estes obxectivos. A nosa condición de colonia faino máis necesario. Rechama que algúns que gustan de lembrar nos seus pinchacarneiros dialécticos esta condición poñan reparos á defensa política práctica do dereito a decidir neste contexto. Chegaron a Galiza os ecos dos pronunciamentos de Cayo Lara (IU) contra a pretensión catalá de decidir apostando pola independencia. Foron adaptados para seren emitidos en versión galega sobre o noso caso por boca enxebre. En sesión continua, días sucesivos: da Corte á colonia. Na Galiza, aínda máis que en Catalunya, esta causa só pode interesar obxectivamente as clases populares. Ningún partidario da globalización, ese becerro de ouro do españolismo, vaise apuntar a ela. Hora é de que asumamos que loita nacional e loita pola emancipación das clases traballadoras son, aquí e agora, a cara e a cruz da mesma moeda, con todos os matices e sutilezas que se quixeren.

Comentarios