Opinión

A crise e o conto da boa pipa

Cando nena exasperábame a incongruencia do conto da boa pipa, un círculo sen sentido. Agora encontro un símil na actual crise do capitalismo sobre a que cismo.O sistema, Marx dixit, e eu resumo, consiste no capitalismo privado dando ocupación a unha masa traballadora na realización dun produto que logo vende e converte en diñeiro.

Cando nena exasperábame a incongruencia do conto da boa pipa, un círculo sen sentido. Agora encontro un símil na actual crise do capitalismo sobre a que cismo.

O sistema, Marx dixit, e eu resumo, consiste no capitalismo privado dando ocupación a unha masa traballadora na realización dun produto que logo vende e converte en diñeiro. Pero non só produce mercadorías, senón capital ao crear plusvalía: a parte do traballo non pagado no salario. A apetencia acumulativa do capital debe tomar forma produtiva, e transformarse en mercadorías que se venden, se consumen. O diñeiro conseguido volve ao mercado, e o capital increméntase por capitalización progresiva da plusvalía. O conto e redondo pero precisa unha relación coherente entre a produción e a demanda.

O fallo no proceso prodúcese cando, por ausencia de control e de plans sociais que fixen as regras do abusivo xogo, a avaricia rompe o círculo, e a arbitrariedade, o amiguismo, leva á corrupción do propio sistema. Encerellados co diñeiro fácil, venden o que non existe ou producen o que non se vai vender. Usan o capital público, diñeiro tributario, patrimonio da cidadanía.

Non precisan o nexo entre produción e consumo. Daquela, constrúen máis vivendas das que se poden adquirir, aeroportos innecesarios, edificacións públicas de índole cultural, estradas que só serven para producir novas cicatrices nos montes.... Así fórmase a chamada burbulla inmoble, e xorden como fungos empresas fantasmas para xustificar unha produción sen obxecto, negocios e xestións do goberno conseguidos mediante subornos e influencias espurias. Correa, Zaplana, Urdangarín son paradigmas dunha troupe indecente.

Ao rachar o círculo normal e perder capital, o sistema levita enchido de productos tóxicos, e cae nas cloacas, derrubando os alicerces dos bancos entre as feces da propia bancarrota. Ser, sería o momento de aproveitar a súa agonía. Pero non. O sistema está tan arraigado que será o diñeiro público, o pouco que queda, quen deba restablecer o capital que malversaron. Ao non teren diñeiro para a inversión, toca o parón laboral, abolir dereitos e suprimir o benestar social (que non é regalado, senón conseguido co tributo cidadán). A cidadanía padece a crise para que os capitalistas recuperen o roubado e malgastado e poidan poñer a funcionar a roda demoledora do seu sistema productivo.

Tan evidente, e tan inalterable! Como non delirar! O conto da Boa Pipa segue poñéndome fóra de min.

Comentarios