Opinión

A demolición de ENCE. Proposta de Manual de Instrucións (e IV)

A pretensión inicial era publicar este artigo de remate noutro contexto político. Cun goberno alternativo ao do PP e con expectativas reais de transformación para ben do país. Desgrazadamente, deberemos manter, alimentar e afortalar a resistencia ao vagaroso esmorecer que supón a acción política dun novo goberno de Feijóo.

A pretensión inicial era publicar este artigo de remate noutro contexto político. Cun goberno alternativo ao do PP e con expectativas reais de transformación para ben do país. Desgrazadamente, deberemos manter, alimentar e afortalar a resistencia ao vagaroso esmorecer que supón a acción política dun novo goberno de Feijóo.

Era pretensión inicial, tamén, expór nestas liñas a viabilidade dun novo modelo forestal, apoiado nas múltiples facetas do aproveitamento dos nosos montes. Un aproveitamento no que sería un piar máis a demanda xerada por unha nova celulosa, que viría a sustituir á de Lourizán. Unha celulosa dimensionada non para facer negocio e competir no contexto de voracidade depredatória das suas parentes lusas. Unha celulosa “ecolóxica”, por así dici-lo. Cunha produción modesta, integrada no ciclo completo de fabricación de papel ou cartón, e orientada ao fornecemento do mercado interno. Cun proceso industrial en ciclo fechado de agua e nivel cero de efluíntes. Nunha localización axeitada, sen molestar nen impedir ou condicionar o desenvolvemento doutros sectores ou potencialidades. En definitiva, descreber un panorama ideal, nun país ideal.

Por contra, situamo-nos novamente nun contexto a priori desfavorábel. Digo a priori porque a aritmética é concluinte e porque a división e debilitamento da oposición tamén o son. Mais alén dos debates que se poidan estar a dar sobre a necesidade de reorientar estratexias ou deseñar novos marcos de relación para enfrontar o traballo diário no escenário resultante das eleicións, alén disto, como dicía, hai dous elementos que favorecen o desenvolvemento e medre do traballo de base. O primeiro, o exponencial e evidenciado crecemento do descontento através do voto en branco ou nulo, boa parte dél atribuibel a votantes do PP, partido que gaña unhas eleccións con menos de 700.000 votos, a cifra máis baixa da sua história. O segundo, diga-se o que se diga e ollando polo caleidoscópio que cada quen queira empregar, é o medre en votos derivado da suma BNG-AGE con respecto ás elección de 2009. Ese escenário obriga a impulsar o traballo nos múltiples frentes abertos, salvando os obstáculos que se poida encontrar no camiño. Sería estúpido ignorar o que estes resultados supoñen. Sen pretender ser analista clarividente da nova política galega, da-me a sensación que unha ponla da esquerda nacionalista galega está situada en condicións inmellorábeis de luz, humidade e nutrientes como para iniciar un proceso de medre de duración indefinida. Posíbelmente este medre permitirá a esa ponla incrementar a sua presenza en determinados movementos sociais e mesmo sindicais. Ese medre achegará persoas dun perfil distinto ao maioritário das persoas que se viñan achegando a eses frentes de luita nos últimos tempos. Gostemos ou non desa realidade, depende da militáncia máis consecuente dixerir, integrar e redeseñar o traballo a desenvolver a partir de agora de maneira que o periodo de desorientación se reduza o máximo posíbel. Desde unha perspectiva ecoloxista e así o digo xa agora, difícilmente pode un nacionalista coerente sentar-se a negociar nada cun cadro político que reivindica a ENCE en Pontevedra. Por iso a man debe estar tendida, pero para avanzar, non para recuar. Son muitas as ameazas desencadeadas polo que se veu en definir “brigada de demolición” como para sobredimensionar os problemas internos que este novo escenário pode introducir.

En definitiva, é certo que se precisa un novo marco de estratéxia política que favoreza a reunificación do nacionalismo, pero a realidade do traballo de base diário ha marcar as pautas inexorábeis do novo marco de relacións entre culturas políticas. E, sen dúbida, haberá sorpresas desagradábeis e outras reconfortantes. Así que, con ánsias renovadas e co impulso de quen se resiste a desaparecer, orgulloso da sua estirpe, acudiremos novamente á batalla, porque aínda que non se albisque o final, non nos podemos permitir desfalecer.

Comentarios