Opinión

A demolición de ENCE. Proposta de Manual de Instrucións (I)

Calquer país que pretenda exercer plenamente a sua soberanía debe enfrontar, necesariamente e máis dunha vez, a escolla entre duas situacións contrapostas. Por un lado, aquela representada por un modelo económico espoliador, que contrapesa os postos de traballo no presente ao esgotamento dos recursos e á pobreza social do futuro.

Calquer país que pretenda exercer plenamente a sua soberanía debe enfrontar, necesariamente e máis dunha vez, a escolla entre duas situacións contrapostas. Por un lado, aquela representada por un modelo económico espoliador, que contrapesa os postos de traballo no presente ao esgotamento dos recursos e á pobreza social do futuro. Do outro lado, o modelo racional, que compatibiliza distintos usos e que, ademáis, integra social e económicamente un território sen representar unha ameaza á sustentabilidade futura dos recursos naturais. Mentres un país dependente e subalterno se ve abocado comúnmente a aceptar os desígnios do primeiro deses modelos, pola contra, un país que actúa libremente e aspira a un progreso racional, garantía do benestar presente e futuro da sua cidadanía, sen dúbida ha escoller polo segundo.

Quen teña seguido a série de artigos que sobre a ENCE ten publicado neste xornal o arriba asinante, saberá que, óbviamente, todo indica que esta empresa representaría con grande orgullo o primeiro dos modelos. Un goberno que pretenda exercer, pois, a dignidade nacional e a xestión racional dos recursos, debería asumir como prioritário o peche da factoría de Lourizán e a saída de ENCE da nosa terra. Mais, no contexto político e económico actual, e visto o entramado de apoios económicos, políticos e sociais cos que conta esta empresa, cómo abordar con éxito ese ansiado obxectivo?

"Un goberno que pretenda exercer, pois, a dignidade nacional e a xestión racional dos recursos, debería asumir como prioritário o peche da factoría de Lourizán e a saída de ENCE da nosa terra".

Evidentemente, partimos de que despois das próximas eleccións autonómicas, unha nova alianza política exercerá o goberno do noso país. E que ese goberno será quen de defender os argumentos a favor da escolla do modelo racional de aproveitamento dos recursos naturais. Con este ponto de partida, vexamos a pauta a seguir para a demolición controlada de ENCE.

Primeira premisa. A cidadanía debe percibir claramente e sen rodeos que a existéncia de ENCE na ría de Pontevedra é ambiental e económicamente inviábel.

Segunda premisa. A sociedade galega debe entender que o modelo forestal de ENCE non é máis que unha das posibilidades que ofrece o monte en Galiza, e non precisamente a máis beneficiosa igualmente do ponto de vista económico e ambiental.

Terceira premisa. O goberno, consciente desas duas realidades, exercerá a responsabilidade de poñer cada cousa no seu sítio, redimensionando o actual modelo forestal, recuperando para o pobo a política forestal e procurando unha alternativa sustentábel para unha indústria celulósica e do papel con participación pública.

Investiremos os próximos capítulos en desenvolver estas tres premisas e a sua potencial aplicación prática.

 

Comentarios