Opinión

A demolición de ENCE. Proposta de Manual de Instrucións (II)

De se cumprir a hipótese de partida do desaloxo do PP da Xunta, a nova alianza política no goberno autonómico iniciará a operación de “acoso e derribo da peza”. Non debe asustar o seu tamaño. Para cobrar grandes e veloces herbívoros, os cazadores san do Kalahari usan un pequeno arco co que lanzan saetas envenenadas que debilitan a presa, seguida até a extenuación através do deserto.

De se cumprir a hipótese de partida do desaloxo do PP da Xunta, a nova alianza política no goberno autonómico iniciará a operación de “acoso e derribo da peza”. Non debe asustar o seu tamaño. Para cobrar grandes e veloces herbívoros, os cazadores san do Kalahari usan un pequeno arco co que lanzan saetas envenenadas que debilitan a presa, seguida até a extenuación através do deserto. Os nosos “cazadores” han ser experimentados en leis e ordenanzas para a xestión ambiental, de maneira que, partindo do seu domínio das voltas e reviravoltas da lexislación vixente en matéria de avaliación e seguimento do impacto ambiental, reclamarán da empresa a colaboración no esclarecimento da sua incidencia ambiental, solicitando-lle a aportación da información xerada os últimos dez anos en materia de analítica da polución. Independentemente do que decida facer ENCE, a equipa de demolición xa estará a traballar na remoción dos cimentos da empresa.

Primeira premisa. A cidadanía debe percibir claramente e sen rodeos que a existéncia de ENCE na ría de Pontevedra é ambiental e económicamente inviábel.

A compilación da información administrativa existente sobre a polución de ENCE na ría de Pontevedra é o primeiro paso. O seguinte, contrastar os resultados das analíticas apresentadas nesa documentación cos resultados dunha auditoría completa e independente que se encarregaría a unha equipa de total confianza. Sospeito que os indicadores de polución dos que tanto alardea a ENCE non serían coincidentes cos desta auditoría e os parámetros e umbrais de polución determinados pola UE serían amplamente superados, o cal conduciría directamente á pregunta de se a empresa ten “maquillado” sistemáticamente os dados de polución dos últimos dez anos.

Qué fai ENCE cos lodos da depuradora? En 2009 tiven ocasión de comprobar persoalmente cómo se xestionaban os lodos de ENCE na antiga mina de Touro. Coa escusa de neutralizar a acidificación dos regos que se forman ao pé das entulleiras da mina, desde polo menos o ano 2005 se executa un plano de xestión de “tecnosoles” destinado a cubrir as ladeiras das entulleiras para fixar vexetación que evite a acción acidificante das piritas que puxo ao descuberto a mina. Mais, qué son eses tecnosoles? Pois simplesmente os lodos de depuradoras, as deposicións dos mexillóns das bateas, as cunchas, etc. Iso todo mexe-se e produce un tipo de solo que a profisión edafolóxica denomina así, “tecnosol”. ENCE depositou os seus lodos nesa mina, entregando-llos a unha empresa denominada Tratamientos Ecológicos del Noroeste, S.L. Até aquí non parece haber problemas. Mais resulta difícil imaxinar o que acontece cando chove seguido sobre esas entulleiras. Forman-se regos escuros e fedorentos que percorren as cunetas todas das ladeiras. Recollen-se en duas grandes lagoas que teñen vexetación palustre. A agua das lagoas sobarda e vai dar ao rego Xeimar, que nesas épocas tinxe-se dunha cor marrón suspeitosa e perfuma-se cun arrecendo orgánico ben coñecido. O Xeimar vai dar ao Río Brandelos e este ao Ulla. Hai dias no inverno en que á apertura das exclusas do encoro de Portodemouros, situadas na parte inferior do muro da presa, se engaden as aguas poluídas do Río Brandelos. A agua que sae de Portodemouros é a agua anóxica do fundo do encoro. Esa mezcla é a que flúe polo Ulla até chegar á ría de Arousa. Sobran comentários.

Finalmente, acompañemos o manexo da información comentada con outra non menos contundente. Qué pasa co emisário submarino e os fundos da ría? Dispór dun estudo pormenorizado do estado dos fundos mariños da ría desde a saída do emisário, en aguas de Tambo, sería esclarecedor. A toma de mostras dos fundos acompañaría-se coa gravación de imaxes nas que se apreciarían as suas características físicas, o proceso de medición do seu espesor, a estima da superfície afectada, etc. Coñecer o verdadeiro estado dos fundos da ría, determinando os valores dos distintos parámetros que descreben a sua contaminación, e visualizar imaxes recentes deses fundos resultaría demoledor. Ese vídeo falaría por si só.

No relativo á incidencia económica da presenza de ENCE na ría de Pontevedra, é óbvio que a información existente é mui limitada e na maioría dos casos se apresenta sesgada, coa intención de manter a preponderáncia da empresa no tecido socio-económico da comarca. En todo caso, de demostrar o intolerábel nivel de contaminación da ría e o estado real dos seus fundos mariños, tamén é óbvio que se resentiría o sector turístico e o pesqueiro e entraríamos nunha fase na que a inacción contribuiría a perpetuar unha imaxe negativa de Pontevedra como reclamo cara o exterior.