Opinión

A demolición de ENCE. Proposta de Manual de Instrucións (III)

ENCE é un dos motores principais da economía forestal galega, ademáis do principal obstáculo para que esta deixe de mostrar un claro carácter colonial e se convirta nun potente axente de dinamización do medio rural galego. Lembremos a segunda premisa coa que comezamos esta série de artigos.

ENCE é un dos motores principais da economía forestal galega, ademáis do principal obstáculo para que esta deixe de mostrar un claro carácter colonial e se convirta nun potente axente de dinamización do medio rural galego. Lembremos a segunda premisa coa que comezamos esta série de artigos.

A sociedade galega debe entender que o modelo forestal de ENCE non é máis que unha das posibilidades que ofrece o monte en Galiza, e non precisamente a máis beneficiosa, nen económica, nen ambientalmente.

Somos conscientes de que vivimos nun país que ten cinco factorías de fabricación de celulosa nun radio de 400 km desde a sua capital. É evidente a demanda de materia prima que isto xera e a presión que exerce sobre o colectivo que detenta a propriedade dos montes, máxime cando os gobernos abdican da sua responsabilidade e non lexislan para regular, ordenar ou planificar racionalmente as producións, os mercados e, sobre todo, para garantir a conservación do principal recurso: a fertilidade dos solos.

Hai case trinta e un anos, escoitei unha conferencia do daquela xefe provincial do ICONA de Pontevedra, Ricardo García Borregón, pai do actual Director Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galiza. Fora convidado a dar esa charla no marco do primeiro cursiño de ornitoloxía que organizara en Vigo a SGHN. O señor García Borregón dixo que había montes nos que non se podía plantar especies frondosas esixentes, porque ademáis de non medrar, non criaban solo, de aí que o mellor para esas terras empobrecidas era plantar eucaliptos ou coníferas, que co paso do tempo rompían a pedra e contribuían a xerar horizonte edáfico, ou sexa, solo. Trinta anos despois, a idea segue-se a impor desde os foros do forestalismo. Entrementres, ao longo destes trinta anos, cos seus máis e os seus menos, os nosos montes non deixaron de arder, entre outras razóns, porque as especies plantadas son altamente combustíbeis e porque non se elaborou un corpus de prácticas silvícolas obrigadas orientadas a dificultar a propagación dos lumes en masas forestais de crecimento rápido, como as de coníferas. Mais é a cobiza e non a torpeza o alvo deste artigo.

A cobiza que fixo e segue a facer o que se precise para eliminar calquera alternativa produtiva para os nosos montes que non pase pola madeira de desintegración e, dentro deste conxunto, específicamente pola produción de eucalipto.

En Novembro de 2008 celebrou-se o I Congreso Internacional de Valorización Integral do Monte, tendo como eixo central os aproveitamentos non madeirábeis. Alí falou-se da posta en valor do património arqueolóxico, do fomento, ordenación e aproveitamento da produción de cogumelos silvestres, da produción de froitos como castaña, de mel, do aproveitamento da biomasa, dos aproveitamentos silvopastorais, do turismo e o deporte, da fauna e a caza, etc. Ese congreso supuxo un primeiro paso para evidenciar a múltiple potencialidade dos nosos montes. E a nivel silvícola, é óbvio que os traballos de Fina Fernández ou Francisco de Ana Magán, investigadores de Lourizán, hai tempo que demostraron que o castiñeiro pode ser unha espécie competitiva e unha elección adecuada para unha parte representativa dos nosos montes.

Por tanto, un goberno que pretenda aplicar criterios racionais ao aproveitamento dos nosos montes, ten unha magnífica guía de oportunidades nos traballos desenvolvidos nos últimos trinta anos no país. O que falta é vontade política. Por iso, o compromiso dese goberno debe ser o de apoiar, fomentar, multiplicar, aquelas iniciativas orientadas a pór en valor os nosos montes, a incrementar o valor engadido das suas producións e a integrar as tres funcións dos mesmos: ecolóxica, social e económica. E, sobre todo, o de lexislar para favorecer o progreso destas iniciativas.

E neste sentido, a presenza de ENCE na ría de Pontevedra ou na de Navia, non significa unha oportunidade para estruturar un modelo de monte coerente e diversificado, que permita, á sua vez, o progreso dunha indústria diversificada que xere postos de traballo e riqueza para un país. Non. A presenza destas factorías é unha garantía de perpetuación dun modelo vertical Monte-Indústria, absolutamente empobrecido e especializado para a produción de madeiras de desintegración, sen favorecer a xeneración dun maior valor engadido e sen permitir nen a diversificación de producións nen o afortalamento dun subsector forestal  plural, capaz a afrontar os vaivéns da economía en entornos globalizados. En definitiva, a perpetuación de ENCE en Pontevedra significa perseverar na xestión da pobreza, en troques de administrar a enorme riqueza potencial dos nosos montes, verdadeiro tesouro para o benestar dos galegos e galegas, un benestar desde os planos económico, social e ambiental.