Opinión

Angrois: sen cesamentos aínda

No editorial publicado no noso número do 1 de Agosto, afirmabamos que o Estado era o responsábel último da traxedia de Angrois.


No editorial publicado no noso número do 1 de Agosto, afirmabamos que o Estado era o responsábel último da traxedia de Angrois.

Escribíamos daquela que "a catástrofe non era inevitábel" e que "as responsabilidades atinxen de cheo ás empresas que xestionan os camiños de ferro: Renfe e o Adif", sendo que "a ausencia das medidas de seguranza pertinentes" é responsabilidade destas empresas.

Pois ben, o xuíz que instrúe o caso, Luís Aláez, acaba de ditar un auto en que basicamente se empregan os argumentos que barallamos daquela. O maxistrado entende que a catástrofe se tería evitado de existir unha sinalización adecuada antes da curva d´A Grandeira e de ter disposto a máquina sinistrada dun mecanismo de seguranza de última xeración, o ERTMS, operativa nas liñas de alta velocidade, nos servizos de cercanías ferroviarias en Madrid e até nalgunha liña de metro da capital do Estado.

Erro humano, si. Responsabilidades da empresa estatal que xestiona a rede ferroviaria na Galiza, tamén.

A empresa estatal tería incorrido nunha "imprudencia puníbel", sen a cal a traxedia non se tería producido. O auto é demoledor para o Estado. O xuíz chega a afirmar que a catástrofe, a máis grave das terrestres sufridas na historia moderna de Galiza, con 79 vítimas mortais, tería sido evitada "con algo tan básico como o establecemento de sinais visuais e sonoros de preanuncio e anuncio da limitación de velocidade". Nin iso había. De se ter alertado "previa e suficientemente" ao maquinista "é do máis probábel que Francisco José [Garzón] tería recobrado a atención perdida na condución e tería axustado a velocidade do tren ás circunstancias".

Imposíbel ser máis claro. Erro humano, si. Responsabilidades da empresa estatal que xestiona a rede ferroviaria na Galiza, tamén.

Que responsabilidades está a exixir Feijóo ao Estado? Non se coñece ningunha.

Estabelecidos os feitos de forma xa practicamente incontrovertíbel, é momento de que, alén das responsabilidades de carácter penal que couberen, se esclarezan tamén as políticas. Atinxen claramente os responsábeis políticos de Fomento desde, no mínimo, 1999 até os nosos días. Atinxen quer o PP (deseño da vía, mantemento da curva d´A Grandeira) quer o PSOE (decisión de non instalar o ERTMS no punto sinistrado). Non é posíbel que a estas alturas non se tivese producido ningún cesamento no Ministerio do que dependen as empresas involucradas no sinistro.

E que dicirmos da Xunta de Galiza? Que responsabilidades está a exixir Feijóo ao Estado? Non se coñece ningunha. E índomos máis ao miolo do asunto: por que o Goberno galego non pon sobre a mesa a necesidade de discutir co Estado o mapa competencial en materia ferroviaria. Xa vemos que o Estado, entre pór o ERTMS nas cercanías ferroviarias de Madrid ou na curva d´A Grandeira, resolve a prol de Madrid. Xa vemos a que conduce a falta de soberanía.

Comentarios