Opinión

Crónica do desentendemento. Un SOS da Escola Rural.

Chove na tarde. A chuvia compásase coas ladeiras das montañas nas que medra o monte. Antes, nesas ladeiras verdegaba o centeo en San Xoan. Hoxe, como moitas hortas e cortiñas están á poulo sendo volvendo ao monte de xeito inexorábel nun lento compás de vida no que a saudade acontece continuada.

Chove na tarde. A chuvia compásase coas ladeiras das montañas nas que medra o monte. Antes, nesas ladeiras verdegaba o centeo en San Xoan. Hoxe, como moitas hortas e cortiñas están á poulo sendo volvendo ao monte de xeito inexorábel nun lento compás de vida no que a saudade acontece continuada.

A Galiza da cidade vive en grande parte pola ONG solidaria da terra, do rural, dicía Manolo Rivas hai uns días…

O rural está cheo de sabedoría e senectude… hai tempo que moitos e moitas ( xentes galegas e de fóra da Galiza, tamén de Madrid, dérono por morto, mais aínda vive) non como debera, tampouco como merece, mais sobrevive, co desprezo dos gobernos do país, e do estado que o reducen a números.

A paisaxe de pirámide sociolóxica invertida é incribelmente galega, quizais nela, a modo de postal, recóllese grande parte da esencia do que foi e do que é Galiza.

Nesas paisaxes conectadas vivimos persoas por libre decisión, persoas que pagamos impostos e que só queremos seguir tendo a posibilidade de ter os mesmos dereitos que as persoas que viven nas cidades ou nas vilas.

A Xunta ten unha débeda histórica co rural galego polo desprezo co que ten sido tratado durante anos; o goberno do estado, tamén.

Non hai produto da agricultura ou da gandería que non tiña sido aldraxado e reducido a cinsas, ou o que é peor, ao esquecemento, polas políticas europeas, españolas e tamén galegas. Podiamos falar do leite, da carne, da pataca, da castaña…produtos sometidos a ditadura do intermediario e que redundan no empobrecemento paulatino e inexorábel do produtor/a.

Hai ao redor dun mes e medio o presidente da Xunta falaba da ausencia de recortes en Galiza no ámbito educativo. A retranca facíanos pensar a moitos aquilo de virxiña, virxiña que quedemos como estamos e os recortes chegaron… Ou non chegaron? A día de hoxe non o sabemos, como dicía a canción dos Resentidos en Galiza nin subimos nin baixamos. Ao parecer a Consellería está aínda estudando as tres propostas nas verbas de hoxe do delegado da Xunta en Ourense. Por iso pedímoslle , sentidiño.

Somos pouca xente nova a que quedamos no rural e queremos seguir nel, non entendemos como non hai unha discriminación positiva do rural e cómo os medios de comunicación terxiversan (teimudamente?) as nosas verbas, verbas de SOS en contra do exterminio ao que con todas as nosas forzas e as nosas vidas estamos dispostos e dispostas a combater.

No rural hai tempo, moito tempo, que aprendemos, que o que marcha non volve, aquel dito de sardiña que leva o gato… e sabemos que non opoñermonos hoxe ao recorte do profesorado é consentir que dentro de dous días marchen co colexio e que despois veñan pola médica e que nos condenen=nos convenzan a quedar sen eles. Bertolt Brecht tiña un poema ao uso. E as mentes felinas fannos desconfiar.

Ao final convencerannos de que se queremos ter calidade da educación non nos quedará outra que enviar aos nosos fillos e fillas cara as vilas e cidades. Saben unha cousa, a semana pasada miña filla axudoume a botar unhas patacas esas que medran na ONG solidaria da terra.

E así, a proposta da Consellería é: Reunir nunha aula alumnado (ata un número de 20) con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, é dicir, desde os/as que inician o 2ºCiclo de Infantil ata aqueles que rematan a Primaria.

Aparelladamente, para o alumnado do noso centro ofértase a posibilidade de ir con transporte e comedor de balde para Viana. Mais todo isto, como dicía un señor da miña aldea, é un falar e falar é de quen quere. As familias dino con retranca: “A consellería non nos pecha o colexio, quere que nos vaiamos nós”.

Como mestre , veciño e pai rural non entendo nada. Non entendo este desprezo pola nosa terra (lembrando as palabras de Rivas esa que ateiga con intendencia ás columnas motorizadas de fin de semana cara a vila ou a cidade). Non entendo esa falla de sensibilidade, e de busca de solucións imaxinativas ,de discriminación positiva e de respecto pola cultura e a historia do rural. Un rural que fai posíbel mesmo a existencia da propia Xunta e da nacionalidade histórica, pois sen el, Galiza é pouco comprensíbel.

Hai poucos días quedamos orfos de Preescolar na Casa, un proxecto innovador, adaptado e sostíbel na realidade rural galega. A historia educativa destes derradeiros trinta anos caracterizouse pola centralización e a recentralización, así naceron os grupos escolares na década dos 70. O de Vilariño feito con cartos do propio concello. Daquela xa se desprezaron outras solucións máis acordes coa realidade galega. A implantación da LOXSE (1990) levou no ano 98 os dous primeiros cursos da ESO cara á vila.

A idiosincrasia galega está na dispersión. Cada aldea, cada pobo, ten o seu toque no entroido, e nós os indíxenas rurais non queremos renunciar a iso. Queremos ser resistencia da riqueza cultural que tivo e ten este país, Galiza.

Os e as poucas que quedamos no rural de Vilariño temos solucións, por que non nos escoitan, por que non nos deixan estar, por que non se decatan de que lonxe de recortes o rural precisa investimento e solidariedade, por que non deixan un tempo para deixarmos responder?

Dous mestres, un para o 2º e 3º ciclo e outro/a para o 2º ciclo de infantil e 1º ciclo de primaria, non é un desatino. Os resultados acreditan esta información. É preferíbel manter este modelo na escola rural que despois ter desdobres por nivel nas vilas e cidades de dúas ducias de nenos/as nun centro completo.

Ademais, non queremos repetir o erro que cometeron hai 30 anos creando unha xeración de persoas secuestradas dende a máis tenra infancia do seu contexto, concentradas en escolas fogares, moitas delas hoxe viven na cidade, froito do prestixio do modelo urbano e o aparellado desprestixio do modelo rural. En 1979 Broffenbrenner, U. escribía The Ecology of Human Development e sostiña a importancia da consideración do contexto no desenvolvemento e educación das persoas.

Isto é unha crónica do desentendemento, e do grande erro que se está a cometer pola Consellería de Cultura e Educación, un novo golpe contra o débil e contra terra, esa terra na que se sitúa a Escola Rural.

Comentarios