Opinión

O debate imposíbel

Feijóo é un presidente irresponsábel e, por definición, con el é imposíbel o debate.

Feijóo é un presidente irresponsábel e, por definición, con el é imposíbel o debate. Éo tamén con estes formatos tan espartillados, en que a última palabra, sen dereito a réplica, sempre a ten o xefe do executivo, alén do máis con tempo ilimitado. Feijóo é un presidente irresponsábel no sentido estrito. El nunca é responsábel de nada. Se acreditarmos no que di, non ten competencias relevantes en ningunha materia. E como ben sabemos, tampouco as demanda, porque o seu reino non é deste mundo, non está aquí para alargar o autogoberno da Galiza, en todo caso el só concibe o seu paso polo goberno galego en termos biográficos, de pura carreira persoal. Carreira cara á onde? A súa ensoñación última, a pesar da alongada sombra de Marcial Dorado, continúa a apuntar para a Moncloa.

Feijóo non foi debater; só foi negar a realidade. Cal é o estado da nación? O que ditan as estatísticas convenientemente maquiadas. En todo caso, Galiza estaría sempre mellor do que esa abstracción chamada "media española" e, por suposto, a ollos do morador de Monte Pío, o seu goberno é ben mellor do que o bipartito, aquel gabinete de coaligazón que, para o imaxinario do españolismo conservador, constitúe a quintaesencia de todas as maldades políticas.

Feijóo non foi debater; só foi negar a realidade

Na realidade, o estado da nación é mao. Galiza está sen goberno. A súa estrutura económica, nun momento delicadísimo, cos sectores básicos colapsados. Demograficamente o país xibarízase por momentos. O actual marco político non dá máis de si. O financeiro, tampouco.

As formacións políticas estatais fixeron un debate perfectamente intercambiábel con calquera outro que puidese ter sido acollido no parlamento andaluz ou castelán-leonés. Só o BNG puxo o acento en propostas concretas dun ponto de vista nacional galego. Só o BNG puxo a soberanía sobre a mesa como horizonte estratéxico, con alternativas factíbeis a curto-medio prazo como a banca pública ou o concerto económico.

Que fixo Feijóo ante esas propostas? O que adoita: tentou safar delas invocando o medo -coa idea subxacente de non podérmonos valer por nós mesmos como sociedade-, como se as súas políticas non fosen, elas si, verdadeiramente estarrecedoras para o noso futuro como nación.

Comentarios