Opinión

Democracia e soberanía para Galiza

As análises duns e doutros sobre a crise actual de réxime son cada día máis coincidentes. Tamén sobre a pertinencia de, nesta nova transición en marcha, impulsar de forma conxunta, desde a suma de forzas sociais e políticas, a apertura dun novo proceso constituínte. Unicamente aparecen os paos nas rodas cando, nos contidos dese proceso de debate, hai quen marca lindes, pon cancelas e nega o dereito de Galiza á súa soberanía.    

A cuestión non é nova, claro. Chega con reler o Sempre en Galiza. A necesaria unidade das esquerdas sociais e políticas para propiciar un cambio real de réxime tropeza hoxe, como tropezou sempre, co esencialismo españolista de certa esquerda incapaz de asumir a cuestión da soberanía. Unha esquerda esta que unha e outra vez busca maneiras de evitar o recoñecemento do dereito a decidir das nacións que compoñen o Estado e a súa potestade para o exercer plenamente. A mesma que, como sinalaba Francisco Rodríguez nun seu artigo de hai anos, a modo de exemplo, amosaba reticencias para admitir a figura de Bóveda como símbolo da Galiza mártir. “Non foi o único”, dicían. Tampouco Lorca foi o único... e mais semella que tod@s temos que aceptar que nos identifique.  

"Esa esquerda séntese cómoda no marco político do Estado español e busca, como moito, un cambio na fórmula de goberno: de monarquía a república, pero España una"

O discurso que se emprega desde ese campo ideolóxico resulta ridículo cando formula determinados argumentos contra os soberanistas galegos, vascos ou cataláns que, porén, son incapaces de se aplicaren a si mesmos. As dúbidas que teñen sobre a necesidade de soberanía para Galiza, ou sobre a pertinencia e o significado deste concepto na actualidade, non as teñen cando esa soberanía se refire a España. Non vin nestes anos que ningún militante desa esquerda renunciase ou chamase a renunciar á nacionalidade española, nin que considerase a soberanía española un elemento prescindíbel en tanto non se construír unha sociedade socialista, nin que chamase á creación dunha fronte ampla de esquerdas coa esquerda portuguesa –dito a modo de exemplo- e renunciase, en favor dunha acción unicamente social, a participar do ámbito político nacional español. Non vimos nada diso porque esa esquerda séntese cómoda no marco político do Estado español e busca, como moito, un cambio na fórmula de goberno: de monarquía a república, pero España una. A esquerda española non é nacionalista porque xa ten nación: España. E non quere soberanía porque xa ten unha que sente como súa: a española. 

A nós, porén, como galeg@s, de nada nos vale e nada nos soluciona un cambio de réxime que non contemple o pleno dereito a decidir sobre os nosos recursos, sobre os nosos sectores produtivos, sobre a nosa lingua e cultura, sobre as nosas vidas. Ningún proceso social de ruptura co que temos –nin constituínte do novo que ha de vir- resultará verdadeiramente transformador e democrático se non recoñece o dereito de Galiza, Euskadi e Cataluña á súa plena soberanía. Se a dependencia de Galiza se manter, preguntémonos, muda en algo para nós pasarmos da monarquía dos Borbóns a unha hipotética República con Aznar de presidente, poño por caso? E mesmo na hipótese dun rexime político español fincado nesa esquerda, resolve esa alternativa “amábel”, federal, as cuestións de fundo do espolio económico que padecemos e da necesidade de decidirmos, nós, sobre os nosos propios recursos e en función dos nosos propios intereses?

"Acreditamos, e imos traballar, por unha ampla unidade política e social, en defensa dos dereitos e liberdades e fronte ás políticas do sistema".   

No BNG estamos pola ruptura democrática, polo cambio de rexime e pola República. Mais Repúblicas hai moitas. O cambio de réxime que defendemos une de forma inseparábel emancipación social e nacional e defende a construción, desde a pluralidade das loitas sociais e políticas, dunha democracia popular que garanta todos os dereitos e liberdades e combata todas as dominacións. Queremos soberanía non para que quen hoxe explota o poida seguir a facer nunha Galiza formalmente independente, senón xustamente para que remate a explotación: para facermos posíbeis políticas transformadoras no plano social -fronte ao actual marco político-económico do Estado español e da UE-  e para erguermos, desde esas políticas, unha sociedade xusta, igualitaria, democrática. 

No BNG témolo claro. Acreditamos, e imos traballar, por unha ampla unidade política e social, en defensa dos dereitos e liberdades e fronte ás políticas do sistema. Esa unidade de axentes e de loitas é un valor, unha ferramenta de enorme importancia e potencial. Xustamente por iso lamentamos que desde algunha esquerda se lle poñan fronteiras, marcos, coa súa negativa a recoñecer, aos galegos e galegas, o noso dereito á soberanía, a decidirmos o noso futuro en democracia e liberdade. 

Quen pode temer –e por que- que o pobo galego fale e decida? 

Comentarios