Observaba estes días o papelón tráxico d@s familiares do presunto asasino das Quemadillas; pensaba no seu encubrimento, pensaba na relación viciada entre o público e o privado. Máis que emitir un veredicto sobre un caso tan mediático, ao tempo que se desenvolve o xuízo, percibo novos matices sobre a violencia misóxina real e simbólica.
Un breve repaso ao caso, obrígame a inmiscuírme en dúas facetas que converxen no meu quefacer profesional, pero das que non son experta: a sicoloxía e o dereito.
"Considero de utilidade para as ciencias xurídicas e forenses analizar o protocolo de actuación paso a paso e os mecanismos sicolóxicos que o detonan, para non converter cada caso de violencia de xénero nun proceso illado"
Respectando o tan levado e traído concepto da “presunción de inocencia”, nas primeiras análises sicolóxicas nada parece indicar que un individuo ordenado, metódico e controlador ata niveis patolóxicos como Bretón, poida perder a dúas criaturas de entre dous e cinco anos nun parque... Calquera, con sentido común, imaxina poderse despistar do coidado dunha delas, mentres se atende á outra; pero non despistarse das dúas á vez.
A frialdade que demostra nas tomas televisivas e o que puiden deducir das testemuñas incluída a da propia esposa, este individuo, responde ao perfil do maltratador, non ocasional senón dun doutor cum laude no maltrato.
Interesa subliñar esta figura para apreciar o común dominante entre todos os da súa especie (homes que odian as mulleres). Así mesmo, considero de utilidade para as ciencias xurídicas e forenses analizar o protocolo de actuación paso a paso e os mecanismos sicolóxicos que o detonan, para non converter cada caso de violencia de xénero nun proceso illado que finaliza coa emisión da sentencia.
Outro aspecto que non atino a comprender é esa eximente do ”dereito” a non declarar das familiares directas (Lecrim, art. 416) . Como sempre a familia e o privado devaluando os valores democráticos, e obstaculizando, por tanto a xustiza. Pero iso sería longo de falar.
"Os feitos demostran o pouco interese en afondar no fenómeno do maltrato, unha pandemia para a que non se lle encontra antídoto".
Os feitos demostran o pouco interese en afondar no fenómeno do maltrato, unha pandemia para a que non se lle encontra antídoto. A oportunidade destes casos que petan na opinión pública reiteran a necesidade dunhas estratexias educativas que impliquen o compromiso dos axentes sociais de cara a prevención e a educación. Outra vez boto en falta a aplicación da Lei contra a volencia de xénero.
Doutro xeito, sempre se chega tarde e só quedan remedios penais ou amparos sicolóxicos que ata moitas veces pretender explicar o habitualismo da barbarie: “foi un sicópata”; vulgar simplificación que non explica as mortes na batalla conxugal.
E amólame dicilo pero as accións feministas quedan como actos testimoniais sen máis protagonismo que un recadro esquecido de sucesos.