Opinión

E se o xornalismo se decidise a ser xornalismo?

Xa non sei cantos artigos publiquei nos últimos tempos sobre a situación (mala) do xornalismo, sobre a súa renuncia (terrible) a exercer como tal, do moito que o necesitamos (con desesperación), do grave que é que se convertesen tantas e tantas empresas xornalísticas en voceiros do seu amo, a saber, o poder político (o principal anunciante, os que máis pasta meten en publicidade para así, tamén, controlalos). Esa actitude -nefasta para nós, que quedamos desprotexidos- que é responsabilidade directa das empresas editoras, tamén o é, sinto moito, dos propios xornalistas. Que non deberían, por exemplo, cubrir roldas de prensa nas que se informa de que non se permiten preguntas (para iso, que envíen a nota de prensa á redacción e xa decidiremos que publicamos e que non). E xornalistas que, en moitos casos, se limitan a reproducir, ás veces cun simple e pouco complicado corta-pega, o que se emite dende os gabinetes de prensa das grandes empresas e partidos políticos.

E imaxino que este artigo é politicamente incorrecto. E que non se lle debe meter caña aos xornalistas por se acaso, pero hoxe, toca.
Porque, cómpre dicilo, a responsabilidade primeira quizais é das empresas xornalísticas. Iso semella indiscutible e pode ser parte da orixe da crise de lexitimiadade que a profesión ten. Pero a responsabilidade non é menor dos xornalistas concretos que sentan cada día diante do computador para elaborar, de cada vez, máis propaganda e menos información.

"Por iso a xente escapa, por milleiros, tamén á rede. Aí é onde se lles están contando as cousas como son. Non como o anunciante principal quere".

Non se venden xornais, é certo. Mais iso ten que ter un por que. E ese por que acho que en parte ten que ver coa falla de profundidade, en xeral, dos medios escritos (xa non digamos moitas emisoras de radio, ou ben sesgadas politicamente ata o estremo ou ben renunciando, tamén, ao máis básico, que é a palabra en función de non sei cantos minutos de música ininterrumpida). Dalgunhas televisións que tiñan no apartado informativo unha especie de bandeira como punta de lanza de calidade -caso dos telexornais da TVE- a deserción tamén é en masa. Porque non se percibe un real traballo xornalístico de contrapoder, de información veraz, de "dedo no ollo".

Pensemos na única canle que está subindo en audiencia das teles xeralistas. Falo de La Sexta, que apostou, seica, porque o xornalismo que practican sexa xornalismo. E daquela montan debates de contido político. E son máis seguidos ca outros que coidabamos intocables, os da prensa rosa. Ou no fenómeno "Salvados" ou o mesmo "El Intermedio" do Gran Wyoming, como di un amigo meu, "o verdadeiro telexornal".

Por iso a xente escapa, por milleiros, tamén á rede. Aí é onde se lles están contando as cousas como son. Non como o anunciante principal quere.
O xornalismo está en crise porque os que practican o xornalismo non o practican de verdade. Sei que é duro o que digo pero hai que ser responsables coa profesión elixida, por moito que a precariedade ou a ausencia de dereitos nos ameacen. A experiencia o que nos demostra é xusto a contraria: alí onde se fai periodismo a cidadanía tamén quere estar. A audiencia responde. O público, apoia.

Porque necesitamos dun bo xornalismo.

Un xornalismo que o sexa de verdade.