Opinión

Edipo de neve

O drama que Sófocles mostra en Edipo rei detéctase en relatos exipcios anteriores, no culto romano a Diana e, de forma máis ou menos incompleta, en diversas lendas como a de Teseo e o Minotauro, a de Xasón, o conto medieval O cabaleiro da brillante armadura, as lendas cristiás de San Gregorio e de San Xulián Cazador, o Hamlet de Shakespeare, O Eleito de Thomas Mann, o Don Hamlet de Cunqueiro,etc...

O drama que Sófocles mostra en Edipo rei detéctase en relatos exipcios anteriores, no culto romano a Diana e, de forma máis ou menos incompleta, en diversas lendas como a de Teseo e o Minotauro, a de Xasón, o conto medieval O cabaleiro da brillante armadura, as lendas cristiás de San Gregorio e de San Xulián Cazador, o Hamlet de Shakespeare, O Eleito de Thomas Mann, o Don Hamlet de Cunqueiro,etc...

Canto á literatura de tradición oral, son claras as pegadas do mito nas historias protagonizadas por príncipes que matan un dragón ou un xigante e casan coa princesa libertada. Mais hai textos que podemos chamar “edípicos” malia presentaren unha forma velada. Entre eles constitúe un paradigma o conto Branca de Neve na súa versión antiga, non na versión alterada dos irmáns Grimm. 

A obra de Sófocles e o conto primitivo de Branca de Neve fan referencia ao proceso de madurez do ser humano utilizando, ademais, os mesmos elementos. 

Os elementos indispensábeis para que un relato se axuste ao “esquema edípico” son os seguintes:

1.-Intención de matar o fillo ou a filla por parte dun proxenitor.

2.-Morte deste proxenitor polo fillo ou pola filla.

3.-Casamento do fillo ou da filla co outro proxenitor.

Na historia de Edipo aparecen, lembremos, os tres elementos:

1.-Laio, advertido polo oráculo do perigo de ser asasinado polo fillo, encárgalle a un criado que leve o neno para o monte e o deixe morrer alí.

2.-O neno líbrase da morte e, sendo xa mozo, topa cun home que ofende o seu orgullo. Edipo, sen saber que o home é o seu pai, mátao.

3.-Despois de librar Tebas da Esfinxe, que tiña apavurada a cidade, Edipo casa coa raíña, Iocasta, sen saber que ela é a súa nai.

O conto de Branca de Neve cumpre tamén os tres preceptos:

1.-A beleza da nena desperta a envexa da nai, que ordena a un criado levar a cativa para o monte e matala.

2.-Branca de Neve líbrase tamén da morte e, despois de casar co Príncipe, obriga á nai a calzar uns zapatos de ferro candente e bailar até morrer.

3.-O casamento de Branca de Neve co Príncipe non encaixa, aparentemente, no “canon edípico”, mais a linguaxe simbólica, propia dos mitos e dos contos, axúdanos a trascender a aparencia. Esta, en Branca de Neve, mostra que a nena casa cun individuo xeneticamente alleo a ela, mais, de certo, el é o marido (desexado) da nai, ou sexa, o pai (simbólico) de Branca de Neve.

A aparencia é, xa que logo, a clave para captarmos a unidade esencial de ambos relatos: Laio e Iocasta son aparencias até o momento en que descubrimos que son os pais de Edipo, igual que son, como vimos de descubrir, o Príncipe e a Raíña pais de Branca de Neve. 

"O canon é a Historia da Literatura, que naceu coa linguaxe hai máis dun millón de anos e que, por tanto, debe gardar algúns dos segredos da supervivencia da especie". 

A aparencia maniféstase mesmo no núcleo do conto, que refire a conquista da madurez humana, proceso que en Branca de Neve se materializa ao ir ela converténdose en nai dos ananos. E como estes non son nenos, senón vellos, estimulan a evolución da nena aconsellándolle transcender as aparencias que pode presentar a nai celosa (vendedora, vella, etc…) coa intención de matar a filla. E esta, desouvindo as sabias palabras, sofre os atrancos propios da adolescencia até culminar o proceso no encontro adulto co Príncipe.

O único punto diverxente dos relatos é o final de ambos: o final de Edipo rei é terríbel, o final de Branca de Neve, feliz. Esta diferenza, lonxe de se opor á unidade das historias, acredítaa de vez, pois a intención de ambos finais é a mesma: achegar á alma dos nenos a axuda precisa para acadaren a madurez e, no caso dos adultos, para a reforzaren.

Así, Edipo e Branca de Neve continúan a ser relatos necesarios poisque ensinan que acadar a madurez significa sermos quen de distinguir a realidade das aparencias, ou sexa, descubrirmos os mecanismos de alienación que calquera grupo humano elabora para se facer suportábel. Canto ao tema que estamos a tratar, un deses mecanismos é a inclusión de subliteratura nos hábitos consumistas de Occidente e, dentro do xénero, iso que chaman “literatura infantil”, que adoita dificultar ao neno non só o pracer da aventura, mais tamén o enriquecemento psicolóxico.

Non se trata de establecermos un canon de lecturas seguindo as obras citadas nin a mitoloxía nin a psicoloxía. O canon é a Historia da Literatura, que naceu coa linguaxe hai máis dun millón de anos e que, por tanto, debe gardar algúns dos segredos da supervivencia da especie. Trátase, si, de que os escritores, os lectores, os profesores… saibamos proxectar ese tesouro ou permitamos que a industria editorial continúe a estorbar a literatura e o futuro.