Opinión

Galegos difusos

Os tempos son chegadosdos bardos das edadesque as vosas vaguedadescumprido fin terán;

Os tempos son chegados
dos bardos das edades
que as vosas vaguedades
cumprido fin terán;

A fuzzy logic ou lóxica difusa tivo o seu momento de esplendor hai uns poucos anos cando na televisión aparecían moitos anuncios de lavadoras con tecnoloxía fuzzy logic, uns electrodomésticos dotados dun sistema de intelixencia artificial, que unha vez vagamente aproximado o grao de sucidade da roupa, escollía o programa de lavado máis acaído a cada caso. Este tipo de tecnoloxía fundaméntase nunha teoría lóxica que permite traballar con predicados imprecisos como poden ser sucio, moi sucio ou bastante limpo, o cal non era posible mediante o emprego da lóxica clásica por admitir únicamente dous valores contrarios: sucio versus limpo, novo versus vello, ou galego versus español. Velaí que o predicado asociado ao sentimento de galeguidade sería susceptible de ser analizado tamén mediante os recursos da lóxica difusa.

Nos estudos de carácter sociopolítico ou sociolingüístico habitualmente a a identidade xoga un papel fundamental. Se atendemos aos datos da última enquisa do Centro de Investigacións Sociolóxicas un galego típico non se identificaría como galego. Tampouco como español; sería máis ben un individuo borroso. Isto non é un dato novidoso. Desde que existen estudos estatísticos sobre o sentimento identitario os resultados veñen sendo, máis ou menos, os mesmos. Ou, o que é o mesmo, máis ou menos, somos e non somos. E o que aínda é peor, desde o poder refórzase e edúcase en que isto é o que debe ser. Que o bo é o non ser. Non ser o que? Pois o que sexa.

"Se atendemos aos datos da última enquisa do Centro de Investigacións Sociolóxicas un galego típico non se identificaría como galego. Tampouco como español; sería máis ben un individuo borroso".


E así andamos, difusos. Se fixeran un documental sobre a personalidade dos galegos veriamos pasar pola pantalla unha serie de individuos desenfocados, como Woody Allen na película "Desmontando a Harry". Evidencias de que este é o retrato da sociedade galega podémola achar tanto en características da nosa xestión da lingua e do territorio. Foi o inmorredoiro xenio de Otero Pedraio o que mellor nos explicou a relación existente entre eses tres eixos de referencia que son a terra, a identidade e a lingua. Seguro que el había de apreciar a noticia do guguyimidjir, unha fala do norte australiano que, como todas as linguas indíxenas, desde a colonización está perdendo falantes perigosamente. Unha das características máis significativas desta lingua é a súa forma de localización. Se estando na Praza do Obradoiro quixeramos indicar onde se encontra a Catedral de Santiago diriamos que está á nosa dereita, de frente ou á nosa esquerda dependendo de se ás nosas costas temos, respectivamente, o Pazo de Fonseca, o de Raxoi ou o Hostal dos Reis Católicos. No entanto, un falante de guguyimidjir daría a mesma indicación independentemente da súa posición pois esa lingua ten un sistema de xeolocalización que non é egocéntrico. A súa referencia é solar polo que sempre nos explicaría que a Catedral está situada ao leste da Praza do Obradoiro. Esta maneira de situarse está perfectamente adaptada a un territorio desértico que ten poucos puntos de referencia. Así que a ninguén lle estrañará saber que entre aquelas novas xeneracións que abandonaron a lingua dos seus ancestros déronse moitos casos de desorientación. Acabaron por perderse na súa terra por haber perdido a lingua.

Nós non podiamos perdernos nunha terra na que cada veiga e cada penedo tiña o seu nome propio. Pero ao irmos abandonando a nosa identidade borramos tamén a toponimia. Velaí un claro exemplo de como terra e lingua se perden a un tempo, e con elas esváese tamén o que somos. No caso de que aínda sexamos algo. A fábula do galego na escaleira hai que reformala por completo. Xa non sabemos se o que atopamos na escaleira é un galego ou non polo que non ten sentido preguntármonos se é que sube ou baixa.

A práctica política da Xunta no canto de reforzar os valores identitarios que son os que lle dan sentido de existencia, está guiada por ventos suicidas procedentes de Madrid que levan a nave galega contra os acantilados. O decreto para o plurilingüismo, a LOMCE, o proxecto de reforzamento das deputacións ou mesmo a práctica política diaria teñen o claro obxectivo de borrar aos galegos. O poder, cada vez máis alleo a nos, refórzase na súa estranxeiría facendo esvaecer aos cidadáns. Para iso edúcaos na negación de si mesmos.


"O decreto para o plurilingüismo, a LOMCE, o proxecto de reforzamento das deputacións ou mesmo a práctica política diaria teñen o claro obxectivo de borrar aos galegos".


Na Estrada, nos anos 50 o dono dun ultramarinos colgara unha desas latas grandes de pemento baleira co lema: "una, grande y libre". Como é de supoñer o chiste custoulle caro e da tunda que lle deron case o matan. Impúxosenos a identidade española así, a paus e baixo o poder das armas. O proceso posterior tamén é ben coñecido. Para evitar sentir nas nosas carnes o mesmo que o tendeiro estradense deglutimos ao imperialista que desde aquela vive connosco acompañando á nosa conciencia. Aquí enxergamos a razón de por que andamos esborranchados. Como cidadáns intentamos crear un hábitat social propio da nosa condición esfarelando a lingua e a xeografía. Neste proceso estamos borrando a nación galega. O peor é que non nos decatamos de que ao negar o noso carácter nacional só nos queda unha alternativa. Se Galicia non é unha nación só poderá ser unha lavadora. Iso si, con tecnoloxía fuzzy logic.