Opinión

NGB: a banca manda, Feijóo outorga

O desaparecemento do sistema financeiro galego -á chegada de Feijóo a Monte Pío, conformado no seu esquelete básico por dúas caixas e un banco

O desaparecemento do sistema financeiro galego -á chegada de Feijóo a Monte Pío, conformado no seu esquelete básico por dúas caixas e un banco- constitúe un durísimo golpe á estrutura económica do noso país cuxos efectos, devastadores, hanse de facer notar ao longo das próximas décadas.

A resposta de Feijóo ten sido practicamente nula, entre outras cousas porque el é un dos máis directos responsábeis, por inacción, da drenaxe do aforro galego cara ao exterior. Sen o sistema financeiro galego Galiza vira nun país máis dependente, enfraquece, tórnase aínda máis satélite de Madrid. Nese sentido, Feijóo non o vive como un drama: el vive con naturalidade a subordinación ao centro do Estado.

O PP non naceu para xestionar con racionalidade os recursos públicos (neste momento NGB é un banco estatalizado)

A toma de control sobre os recursos das caixas galegas -que representan grosso modo o 40 por cento do aforro das galegas e dos galegos- é un dos obxectivos estratéxicos que o gran capital financeiro español se tracexou ao comezo da presente crise do capitalismo globalizado, desencadeada en 2008. PP e PSOE limitáronse a despregar a enxeñaría legal para viabilizar ese deseño.

Agora estamos xa a piques de chegar á estación termo. E neste momento a operación dá un acelerón. Hai que vender Novagaliciabanco e facelo canto antes. Por que? Non ten ningunha lóxica racional facelo nun momento de atonía do mercado. Vender agora sería tanto como malvender. Mais se o pensamos ben, o PP non naceu para xestionar con racionalidade os recursos públicos (neste momento NGB é un banco estatalizado). Lembremos como, por exemplo, privatizou a autoestrada, como criou as condicións para que Citigroup dese unha pelotada.

A lóxica é, portanto, puramente privada: a grande banca española quer NGB a prezo de saldo e quéreo agora. Até Castellano se ten resistido. Feijóo cala. E ao calar, outorga.

Comentarios