Opinión

O futuro na man

Os túneles teñen unha abertura de entrada e outra de saída. Se coinciden, falamos de covas, nas que só podemos aspirar ao regreso ao punto de partida. O túnel sérvenos para atravesar obstáculos e progresar; a cova, para termos unha experiencia de afastamento sen que nada cambie, agás nós interiormente.

Os túneles teñen unha abertura de entrada e outra de saída. Se coinciden, falamos de covas, nas que só podemos aspirar ao regreso ao punto de partida. O túnel sérvenos para atravesar obstáculos e progresar; a cova, para termos unha experiencia de afastamento sen que nada cambie, agás nós interiormente. As dificultades invítannos a procurarmos algo máis alá delas, ou a nos ausentarmos para un regreso ao punto de partida con outra mirada, logo de soltarmos o caos do inmediato e sentirmos a verdadeira dirección dos acontecementos sobre os que queiramos actuar.

Digo isto porque me estrañaría moito que o proceso de axuste global no que estamos entrando regresase ao porto seguro que cremos lembrar, con cada elemento no seu sitio, e nós, nun terreo coñecido. Dubido moito que o goberno, a sanidade, a educación e a relación entre as persoas se manteña como estaba, con cambios mínimos e coma se baixásemos dunha atracción de feira que nos bambease un pouco, con todos os elementos de seguridade ben dispostos e a bucina final a nos agardar. Para min, estamos ante un salto ao baleiro, no que vale de pouco chorar, procurar culpábeis ou botármoslle a regueifa ao empedrado. Non hai ninguén que suxeite as variábeis; non porque outras persoas teñan máis ou menos poder cábenos atribuírlles unhas circunstancias que mutan cada segundo, dun xeito imprevisíbel. Situarmos os cambios noutro pode parecer cómodo, pero non trae moito máis ca desánimo e dor de cabeza.

Temos dereito, e mesmo necesidade, de actuarmos sobre os gobernos, pero a nosa responsabilidade vai máis aló. Creo que o tempo nos pide elevar nivel de consciencia e asociarmos o que nos sucede co que sucede, o que facemos co decurso dos acontecementos, e poñermos os pés no chan para facilitarmos un cambio ordenado e liberador. Probablemente teñamos razón cando reclamamos uns estándares sociais máis elevados, un sistema fiscal que compense os desequilibrios e unha contribución máis substanciosa por parte dos que máis posúen, pero, con toda a nosa indignación e cos millóns de persoas desconformes, temos a legalidade que temos, e os gobernantes que nos administran, elixidos por todo o colectivo entre as ofertas que se presentan.

Quere isto dicir que debamos resignarnos e deixarmos minguar a nosa calidade de vida até esgotala? Haberá quen o crea, pero eu vexo as cousas doutro xeito. A falta de liquidez para atender, por exemplo, a educación e a sanidade parécenos do máis sangrante, pero esixirmos un investimento maior, sen asumirmos unha acción persoal, considéroo moito menos operativo ca manexarmos nós mesmos o que nos corresponde: se nos facemos responsábeis da nosa saúde, o sistema podería funcionar mellor coa metade do orzamento; se as rapazas e os rapaces contan con modelos familiares realmente formativos, as ratios da educación poderían subir bastante máis e manter aulas moito máis eficaces e levadeiras para o profesorado. O sistema poderá ou non paliar con investimentos os desaxustes que xeramos, pero, con el ou sen el, temos solucións gratuítas extraordinariamente rendíbeis.

Curiosamente, queixámonos sistematicamente dos despropósitos dos nosos dirixentes, sen nos decatarmos de que o que no plano individual resulta –en aparencia– intranscendente, levado ao plano das responsabilidades de goberno transfórmase nunha lacra que sufrimos toda a sociedade. A palmada no lombo que buscamos, o pequeno beneficio rastreiro, a rabia que xeramos no noso microcosmos están na base do que criticamos por arriba, quizabes só porque saia nos periódicos ou nas redes sociais, malia construírmola á canda toda a cidadanía. Non caen dun guindeiro os políticos, nin aparecen nunha nave espacial allea a este planeta en tensión. Levan a nosa carne e o noso sangue, as nosas cherepas e a nosa madurez ou inmadurez.

Fóra do poder podemos actuar na solidariedade, na xestión de recursos compartidos, na construción dun benestar baseado na confianza e na aceptación da pluralidade. Podemos quitarlle todo sentido a unha forma de goberno coa que estamos en desacordo, incluídos os propios gobernantes, que se ven presionados para actuar nun sentido e no contrario. O problema pode estar na observación duns ou doutros criterios, pero non acaba aí: o novo modelo creo que pasa por tomarmos o que de verdade nos pertence, permanentemente, e esquecer a peregrina idea de que co noso voto temos o rei polas pernas, e verán estes onde os mandamos se non se inclinan ante o clamor popular. Podemos falar moito, berrar moito, pero tamén actuar, quitar os nosos atrancos interiores, liberar a nosa auténtica potencia humana.

Podemos acabar coas ataduras deste sistema, xurdidas nas cavernas e trasladadas polo feudalismo e os seus derivados. Podemos madurar, e veremos os nosos gobernos asumidos por mulleres e homes adultos, por persoas que poden levar unha sociedade que acepta obxectivos comúns e ve, por fin, máis alá do horizonte que un individualismo mal entendido nos impón. Afortunadamente, xa non volveremos ao punto de partida.

Comentarios