Opinión

O público como trincheira

O pasado domingo unha multitude social volveu erguer a voz contra as políticas antisociais do Partido Popular. Milleiros de persoas secundamos a convocatoria das plataformas galegas en defensa da sanidade e do ensino públicos vertebrando unha macromanifestación nacional na defensa de ambos servizos. Non era a primeira vez que nos mobilizamos por esta mesma causa e de seguro non ha de ser a última.

O pasado domingo unha multitude social volveu erguer a voz contra as políticas antisociais do Partido Popular. Milleiros de persoas secundamos a convocatoria das plataformas galegas en defensa da sanidade e do ensino públicos vertebrando unha macromanifestación nacional na defensa de ambos servizos. Non era a primeira vez que nos mobilizamos por esta mesma causa e de seguro non ha de ser a última.

 A ofensiva do capital contra a maioría social ao abeiro da crise sistémica ameaza con engulir os elementos que constituíron o denominado Estado do Benestar, e que hoxe vai camiño de se verificar como un espellismo máis da concertación social. Concertación imposíbel en tanto pretende sintetizar os irreconciliábeis intereses da maioría social explotada e os da minoría explotadora -hoxe en forma de oligarquía empresarial e financeira transnacional-.

 Os servizos sociais, outrora pedra de toque do falso oasis da socialdemocracia están a ser albo dunha deliberada política de derrube. O seu desmantelamento non encerra motivos económicos, como sostén o discurso dominante, senón ideolóxicos. En todo caso, as razóns económicas, que as hai, non teñen a ver nin co déficit público nin coa prima de risco, senón coa insaciabilidade do capital que desta vez quer botar as súas gadoupas sobre o 'salario indirecto' que os servizos públicos representan para as clases traballadoras para alimentar os seus gaños. Unha vez reducidos os salarios (privados e públicos) e as pensións á súa expresión máis miserenta, pretenden furtar ás clases populares dos beneficios que até hoxe obtiñan, en forma de dereitos sociais, e que financiaban -e seguirán a pagar- cos seus impostos. Outro capítulo do interminábel saqueo co que os poderosos están a resolver a crise ao seu favor. Non é que non nos poidamos permitir un ensino e unha sanidade públicos e de calidade. Non nolo queren permitir.

 Esta vaga de agresións, cada vez máis intensa e acelerada sobre todo contra territorios dependentes como o noso país, demostra que os dereitos sociais dos que até hai nada gozabamos foran resultado de conquista a través da loita, non unha cesión voluntaria e graciosa da burguesía. Foron, e son, obxecto de disputa no marco da loita de clases. Cómpre non perder esa perspectiva, para non facilitarlles a batalla.

 Xa que logo, o combate en defensa dos servizos públicos non debe enfrontarse fixando o mito do 'Estado do Benestar' como meta. A chave está en facer da defensa do público a primeira das trincheiras, o punto de partida, non só para resistírmonos o embate do capitalismo imperialista senón para, unha vez descuberta a mascarada social-liberal, volver erguer a irrenunciábel bandeira da plena emancipación social do pobo traballador rachando con toda forma de explotación. Bandeira que en Galiza ten o indispensábel reclamo da soberanía nacional por mastro.

Comentarios