Opinión

Política

É tempo de facer Política, no podemos deixarlle o monopolio do discurso a quen defende os intereses dos poderosos, dos especuladores que queren socializar as perdas e privatizar os beneficios. Non vale a resignación, a pasividade, o individualismo, a evasión no virtual ou no mundo real.É tempo de combate, de cavar trincheiras, de rebeldía.

É tempo de facer Política, no podemos deixarlle o monopolio do discurso a quen defende os intereses dos poderosos, dos especuladores que queren socializar as perdas e privatizar os beneficios. Non vale a resignación, a pasividade, o individualismo, a evasión no virtual ou no mundo real.

É tempo de combate, de cavar trincheiras, de rebeldía. Galiza e o mundo no que vivimos merecen o compromiso, o activismo, a loita en todos os campos: nas fábricas, nos centros de ensino, no asociacionismo, na rúa... Algún día preguntarannos, preguntarémonos que fixemos naqueles anos da Gran Recesión, como defendemos os dereitos sociais, a democracia, a identidade e o porvir do noso país. Estamos a vivir un tempo histórico no que se xoga o futuro das clases populares, da mocidade e de Galiza. A historia demostra que a rebeldía, a mobilización, a loita política e sindical son decisivas para avanzar e para defender as conquistas. E este tempo histórico que vive o noso país e Europa merecen que lle dediquemos todas as enerxías, porque tamén está en xogo a dignidade individual e colectiva.

Galiza ten unha ferramenta política no BNG, unha organización que desde os anos 80 fixo unha análise certeira das mudanzas regresivas que se produciron en Europa. Os liberais e a socialdemocracia europea (Blair, Schroeder, González) trazaron as grandes liñas dun modelo que cristalizou nos anos 90 no Tratado de Maastrich e no Consenso de Washington, un modelo cuxas consecuencias devastadoras no plano social e nacional estamos vendo agora en toda a súa crueldade. Daquela o BNG xa antecipou a deriva da UE e o futuro que lle esperaba a Galiza; por manter aquelas posicións sufriu o ostracismo e o ataque dos grandes poderes económicos e mediáticos. Estar á marxe, contestar o modelo dominante ten grandes custes porque o sistema non pode permitir que se cuestionen os seus principios fundadores. Mais a coherencia, a firmeza, a valentía, a defensa de Galiza son virtudes políticas que constitúen a razón de ser do BNG, uns atributos aos que nunca debemos renunciar. Custe o que custe.

Aquí está o BNG, no nacionalismo e na esquerda, no compromiso insobornábel con Galiza. Cuestionado a sumisión e o servilismo dos que utilizan a política para defender defender os intereses dos poderosos. Combatendo a inxustiza, a desigualdade. Traballando por unha democracia digna de tal nome. Poñendo por diante o noso dereito a producir, a manter viva a identidade, a construir espazos de igualdade e benestar colectivo. Máis alá dos tempos electoriais, nos que debemos mobilizar todas as enerxías, sigamos construindo unha alternativa política vigorosa, valente, útil para o pobo galego.

Comentarios