Opinión

Protagonismo da mobilización no debate político

A folga xeral do vindeiro 14 de novembro, para alén da importancia da participación numérica da clase traballadora, xa é un pulo cualitativo sobre outras xornadas de paro anteriores, xa que abrangue varios estados da Unión Europea, como son o Estado español, Portugal e Grecia. Asemade, vanse realizar paros sectoriais e mobilizacións, especialmente noutros países do sur da UE.

A folga xeral do vindeiro 14 de novembro, para alén da importancia da participación numérica da clase traballadora, xa é un pulo cualitativo sobre outras xornadas de paro anteriores, xa que abrangue varios estados da Unión Europea, como son o Estado español, Portugal e Grecia. Asemade, vanse realizar paros sectoriais e mobilizacións, especialmente noutros países do sur da UE. Sen dúbida terán que se dar moitas máis mobilizacións e folgas xerais, abranguendo un maior número de países para que Bruxelas mude de políticas económicas e sociais, e para conseguir reverter a involución de dereitos democráticos básicos. Mais, sendo esencial que a resposta se organice a nivel nacional, por exemplo na Galiza, é fundamental a coordinación internacional e, neste contexto, esencial facelo no marco da Unión Europea. Lembremos que as clases dominantes dos distintos países da UE están aliadas neste ámbito nun proxecto común de dominación e explotación, máis alá das disputas internas polo reparto da máis-valía.

Hai quen pensará que despois dos resultados das pasadas eleccións autonómicas na Galiza esta folga perdeu parte da súa eficacia, porén están trabucados porque, como reflicten as enquisas, a maioría da xente está contra as medidas laborais e sociais impostas polo goberno de Rajoy. Ademais, o PP foi respaldado só por un 28% dos electores con dereito ao voto, malia que acadou unha maioría folgada de deputados/as, pola incapacidade das forzas de oposición para estar á altura do momento, e tamén porque temos un sistema no que o voto non vale igual en todo o territorio e favorece aos partidos sistémicos. Aínda tendo importancia as institucións, xa que nelas se deciden as medidas de goberno, non é menos certo que a contestación social organizada e teimosa pode frear as accións negativas e empurrar aquelas que favorecen ao pais (ou sexa: á maioría social).

En todo caso os resultados electorais, nunha conxuntura entre dúas etapas de grandes cambios, como a actual, non son en principio duradeiros, xa que se dan nun contexto de gran confusión e desprestixio das institucións, e cun sector moi amplo da sociedade á marxe das mesmas e na procura de solucións inmediatas aos graves problemas de todo tipo que enfronta acotío. Vexamos o que pasa en Grecia porque é un referente. Neste intre as institucións deben ser o lugar de resonancia da protesta social, con todo o seu dramatismo, tanto no contido como nas formas, para conseguir a complicidade das clases populares. Sendo así, como en realidade sempre foi para quen quere transformar dun xeito radical a sociedade, a folga do 14 de novembro, e como se lle dá continuidade á protesta social, é o aspecto central da acción política en toda esta conxuntura. Un tempo histórico que as figuras máis representativas das clases dominantes, como Merkel, coidan que durará varios anos nas previsións máis optimistas.

Será na rúa e nos centros de traballo e reunión, onde se mude a correlación de forzas a favor das clases populares; tamén é onde as diferentes alternativas da oposición nacionalista debuxada nestas eleccións poden clarificar na práctica a súa coherencia, efectividade política e social. Asemade, nas institucións os que marcan os temas e os ritmos son as maiorías sistémicas; quen divulga case en exclusiva os debates son os medios de información hexemónicos. Son evidentes as moitas limitacións, neste contexto. O interese social neste intre polo que pasa nas institucións é moi relativo, como todos sabemos. Iso non significa que carezan de valor, que o teñen.

En resumo, cómpre reforzar o traballo directo e divulgativo na sociedade, procurando a súa complicidade e participación consciente, debatendo abertamente con ela as alternativas estratéxicas. Un momento álxido para isto é a vindeira folga xeral. Clarificando as razóns polas que se debe apoiar. Mais tamén porque é fundamental o día despois seguir facendo maiores esforzos mobilizadores para botar abaixo as políticas do gran capital, ese que arreo empobrece e destrúe a identidade das clases populares da Galiza.