Opinión

Rajoy, a montaña

De Rajoy sempre me admirou a súa carencia absoluta de expresividade. Todas aquelas prendas que deberían adornar a unha persoa dedicada á vida pública que se ten que gañar a vida conquistando vontades brillan nel só pola súa ausencia: non ten iniciativa, capacidade de improvisación, espontaneidade, graza ao falar nin encanto de ningún tipo.

De Rajoy sempre me admirou a súa carencia absoluta de expresividade. Todas aquelas prendas que deberían adornar a unha persoa dedicada á vida pública que se ten que gañar a vida conquistando vontades brillan nel só pola súa ausencia: non ten iniciativa, capacidade de improvisación, espontaneidade, graza ao falar nin encanto de ningún tipo. Todo en Rajoy é cartón: o seu puro nos beizos, os discursos ramplóns e a impostura españolizante dos seus participios en –ao. Todo isto podería quedar diluído na marea de mediocridade xeral que asolaga a política española, se non fose por algo que desde hai uns días estou empezando a enxergar cada vez con máis claridade.

"Non ten iniciativa, capacidade de improvisación, espontaneidade, graza ao falar nin encanto de ningún tipo. Todo en Rajoy é cartón"


Non dixen “parece cartón”, dixen “é cartón”, porque estou case segura que o señor que interpreta o papel de Presidente de Goberno de España, Mariano Rajoy, é un dobre que o suplanta. Como na película de Akira Kurosawa Kagemusha (A sombra do guerreiro), o verdadeiro Rajoy hai tempo que desapareceu da súa vida oficial, ben porque morreu ou ben porque desertou. Se cadra mesmo para el era demasiado soportar aquilo: as humoradas do Aznar cow boy, a heterosexualidade obrigatoria, as toneladas de fuel fiadas en hilillos de plastilina, os rancios símiles taurinos na tribuna do Congreso... sumiu sen consultar con ninguén e houbo que atopar unha solución de urxencia: un Rajoy de cartón. Non foi tan difícil. O verdadeiro Rajoy tamén era un ser anódino, e resultou moi doado atopar suplente en calquera despacho habitado de ratos ruzos. De feito, aínda estoutro día foi presentado á prensa un dobre do dobre de Rajoy que vive en Chile, nada menos. Isto lévanos a considerar a posibilidade dun Rajoy de urxencia, listo para calquera continxencia, arrombado no cuarto escuro de cada embaixada española de certa importancia.

O caso é que a actitude do Rajoy dos últimos meses, de agora en diante xa “Rajoy-de-cartón”, non ser pode máis que unha versión ultracorrexida, esaxerada ata a caricatura ou ata a loucura, do Rajoy de verdade, de agora en diante “Rajoy-en-carne-viva”. Lembremos, de novo, a película de Kurosawa: só o substituto do famoso líder Shingen, alcumado “A Montaña” pola súa capacidade para manter a súa posición e vencer sen atacar, é quen de manterse “montaña” mesmo nas situacións máis extremas, en contra do máis elemental sentido común, co arrepío das súas hostes. Fagamos as correspondencias pertinentes entre Shigen, inmóbil coma a montaña, e Rajoy-en-carne-viva e o substituto de Shingen Kagemusha, sombra do guerreiro, e Rajoy-de-cartón e decatarémonos que manterse quieto, calado e oculto cando todo arredor arde de indignación só pode facelo un demente, un irresponsábel ou unha máscara de coma quen; nunca un líder.

1/2/2013, Anxos García Fonte

Comentarios