Opinión

Represión cidadá

Non é posíbel aplicar políticas anti-populares sen represión.

Non é posíbel aplicar políticas anti-populares sen represión. A dereita españolista e neoliberal ten iso en mente en todo momento: o uso do monopolio da violencia, do que é titular o Estado, sempre o exerceu na mesma dirección, na de consolidar os privilexios da minoría e na de submeter as maiorías sociais en xeral e ás nacións sen poder político propio, as nacións sen Estado no caso español, en particular.

A Lei de Seguridade Cidadá é, con efeito, unha Lei de Represión Cidadá

A Lei de Seguridade Cidadá é, portanto, xusto o que cabía agardar dunha das dereitas máis reaccionarias de Europa, a que é directa herdeira da ditadura fascista. Esta mesma semana, vivimos episodios máis propios dunha tiranía do que dunha democracia. As rúas adxacentes ao Parlamento de Galiza inzadas de  policía. Para blindar que? Para blindar a Cámara de representación popular? Blindala de que? Blindala dunha manifestación absolutamente lexítima de traballadores do sector naval que querían expresar o seu protesto e a súa indignación perante a política fraudulenta, anti-social, que sustenta o Goberno galego do PP no que di respeito a eles. Esta mesma cuarta feira 27 de Novembro, un forte dispositivo policial interveu para consumar un novo despexo e até levou detida canda si a persoa desafiuzada. Unha acción punitiva contra unha muller que está nunha situación de exclusión social. Un comportamento que repugna calquera conciencia minimamente democrática.

A Lei de Seguridade Cidadá é, con efeito, unha Lei de Represión Cidadá. O PP reprime e lanza chiscadelas a súa parroquia máis ultra, coa intención preventiva de que non apareza aquí unha franquicia de Marine Le Pen. Sería desnecesario: xa hai fascistas no Goberno, esa é a mensaxe que Rajoy e os seus envían desde a Moncloa.

Comentarios