Opinión

República? Si: Galega e Popular!

Nestes días oiremos declaracións, leremos artigos, veremos imaxes sobre o beneficioso de que o Estado español teña como modelo de estado a república en contraposición á monarquía.

É evidente a pouca graza, e cada vez menos, coa que conta esta institución entre a poboación e, nomeadamaente, nos sectores chamados transformadores, de esquerdas, antisistema ou revolucionarios. Non serei eu quen defenda a monarquía e, moito menos, a monarquía española. Pola forma e polo fondo: esa institución caduca, vestixio do estado franquista, retrógrado e punta de lanza e modelo dunha transición que non foi tal, máis que a xustificación para continuar cun sistema inxusto para as persoas e para os pobos. 

Agora ben, tampouco podemos quedar cun conto que ten pouco de final feliz. Defender a república como forma de estado, sen máis, non significa nada. Non significa cambiar de raíz o que é preciso cambiar. Significa un quítate ti para poñerme eu. Porque, paremos a pensar: viven mellor en Portugal baixo o paraugas dun xefe de estado presidente da república? Teñen maior, ou sequera mellor, calidade democrática? Deciden el@s o seu futuro, as políticas que se lles aplican ou salvar á xente en lugar de á banca? Están claras as respostas.

"A solución para as galegas e para os galegos, para o noso agro, para a nosa pesca, para a nosa sanidade, para a nosa educación, para os nosos aforros... é ter un goberno soberano"

Polo tanto, non podemos caer na argumentación simplista de defender que a república, por si mesma, se vai converter na salvación para as e os cidadáns. Porque a salvación da xente, ten que vir de nós mesm@s. Non hai salvadores supremos. Porque ata que recuperemos o Poder Popular (da xente), ata que sexamos as mulleres e homes deste País as que decidamos sobre nós, que políticas apricar, a quen salvar; non poderemos dicirnos libres. As liberdades do conxunto da cidadanía, a democracia, a aposta por unha ou outras políticas veñen determinadas por quen elabora e quen executa esas políticas; non polo modelo que as poña en marcha.

 Son Chipre ou Grecia monarquías ou repúblicas? Quizais non o sabemos. Son soberanos? Non. Aí está a cuestión: sen soberanía non hai liberdade. Sen soberanía non hai democracia.

A solución para as galegas e para os galegos, para o noso agro, para a nosa pesca, para a nosa sanidade, para a nosa educación, para os nosos aforros... é ter un goberno soberano, ter capacidade de decidir sobre as cuestións fundamentais que nos afectan. Un goberno que goberne un País para a xente e non para o capital. Sen reis, nen raíñas; sen súbditos, nen sometidas. Só con cidadás e cidadáns, libres, soberan@s e iguais.

Por iso, cando pregunten: república? Si: Galega e Popular!