Opinión

Son dependentes as clases dominantes no EE?

Aínda que pareza mentira, practicamente todos os partidos españois coinciden hoxe en considerar que Alemaña, e os países da súa orbita, tratan moi mal aos “españois”, xa que lle impoñen medidas de austeridade e de supresión de prestacións e dereitos sociais.

Aínda que pareza mentira, practicamente todos os partidos españois coinciden hoxe en considerar que Alemaña, e os países da súa orbita, tratan moi mal aos “españois”, xa que lle impoñen medidas de austeridade e de supresión de prestacións e dereitos sociais. Sen dúbida esta análise é funcional, a uns, porque deste xeito procuran premer a Merkel e obter concesións, a outros, porque buscan agora no inimigo exterior xustificar a pasividade mantida durante o auxe da globalización neoliberal diante da oligarquía autóctona. A uns e outros ademais válelles esta caracterización para desautorizar as reivindicacións de liberación de Galiza, Euskadi e Cataluña, xa que resultaría absurda porque todos somos dependentes, ou como din algúns, un protectorado de Alemaña, un cualificativo oportunista que outros alargan á Troica. Se fose deste xeito a cuestión nacional nos pobos da periferia do Estado só se sostería en razóns étnicas neste intre. Mais, realmente ¿ é dependente a alta burguesía no Estado español (EE)?... Falo dela, porque en definitiva é a que controla historicamente o poder económico e político no Estado español.

As clases dominantes reforzáronse moito co apoio da ditadura franquista, e a diferenza doutros estados europeos nos que a industria foi chave para a acumulación, no EE sectores como o financeiro e enerxético foron centrais neste proceso. Debo dicir que foi unha das cousas que máis me chamou a atención cando voltei a Galiza no ano 1972 e comecei a estudar a realidade económica, xa que, por exemplo, nos Estados Unidos as grandes empresas industriais eran daquela as donas de moitos bancos. Na Arxentina este papel estaba repartido entre a industria e a oligarquía terratenente. Esta situación central do sistema financeiro no Estado español fortaleceuse coa globalización neoliberal, e está en proceso dunha nova ampliación co reaxuste económico actual (a chamada crise). As sucesivas reformas feitas nos últimos anos dende o Goberno central, baixo gobernos do PSOE ou do PP, non fixeron máis que poñer os medios para que este obxectivo se cumprise. Algo que agora, a destempo, denuncian algúns dos directivos de caixas e bancos sacrificados neste proceso de concentración e centralización, favorábel aos grandes grupos económicos e ao centro do poder político no EE (ambos teñen intereses coincidentes).

"As clases dominantes reforzáronse moito co apoio da ditadura franquista, e a diferenza doutros estados europeos nos que a industria foi chave para a acumulación, no EE sectores como o financeiro e enerxético foron centrais neste proceso".

Os duros debates que na Comisión Europea se dan, mesmo nos medios, sobre calquera aspecto que mude as condicións do marco económico e as relacións de poder pactados entre os estados, revisados en Maastricht e Lisboa, reflicte que non existe unha dependencia tan evidente, nen con respecto a Alemaña, nen ao eixo franco-alemán. Para resolver as posturas enfrontadas, por exemplo con relación a unha supervisión única da banca na eurozona ou a concesión de créditos especiais, fan falla meses, cando non anos. Alemaña conta moito, porén a súa postura non é a priori decisiva, e ademais París e Berlín teñen moitas veces propostas distintas. Cando existen relacións de dependencia non se dan debates deste tipo, porque a subordinación é un aspecto fundamental, non cuestionábel. A soberanía reside en cada un dos estados membros da Unión Europea, que lle teñen cedido competencias, por acordo de cada un dos estados que a integran.


As reiteradas ameazas feitas contra Grecia, un dos países máis débiles da UE, para evitar que rache coa eurozona, así como as insinuacións feitas a Rajoy para que pida o resgate, amosan con toda claridade onde reside a soberanía real. A subordinación como unha contradición principal sempre é incuestionábel, nos temas esenciais, polo que son innecesarias as sucesivas negociacións e ameazas públicas con aqueles que están en relación de dependencia. No marco que analizamos a subordinación do EE dun centro de poder externo (sexa Alemaña ou o eixo franco-alemán) non parece ser decisiva, nen tampouco tan grande como algúns afirman, ¿non será para desviar todas as responsabilidades, dos recortes que afectan ás clases populares, sobre a UE, o FMI e a Comisión Europea? Ou sexa, facérmos combater un inimigo lonxano e inmenso. Merkel fai outro tanto cando pasa a tesoira no seu país é afirma que os alemás deben tapar os buratos daqueles que viven por riba das súas posibilidades nos estados do sur.

"A subordinación do EE dun centro de poder externo (sexa Alemaña ou o eixo franco-alemán) non parece ser decisiva, nen tampouco tan grande como algúns afirman"

Tampouco no eido económico hai dados que confirmen unha dependencia decisiva, de subordinación, do Estado español en relación con Alemaña ou o eixo franco-alemán; como se dá por exemplo entre Galiza e España, xa que carecemos de soberanía; as empresas da metrópole teñen un control total do mercado interno, tanto nas relacións comerciais como por ser propietarias da maioría das existentes no país. Ou sexa, o subdesenvolvemento de Galiza é funcional á concentración e centralización da riqueza nos centros de poder político do Estado, neste intre concreto, algo moi evidente no relativo ao sector financeiro e enerxético. Pola contra o Estado español tivo un maior crecemento do PIB que Alemaña durante a última década, o que non é precisamente o comportamento que se espera cando existe unha situación de dependencia. Ollemos as cifras, con base 100 no ano 2003, á altura do 2011 a economía do EE atinxía os 129 puntos, a de Alemaña os 125 e Francia os 123, cunha media para a zona euro de 125 puntos. Non son precisamente os dados para un estado subordinado, máxime cando atinxe 3 anos de crise e que o comportamento de Alemaña, cunha economía máis sólida, foi moito menos traumático.


No investimento directo exterior no Estado español, é dicir nas empresas, destacaban a principios de 2010 os USA co 18,4% do total, e seguían, o Reino Unido co 17,6% e Francia co 16,8%. Neste caso convén saber que nos últimos anos medrou moito o investimento de China e que a nivel territorial é absorbido por Madrid. Sendo importante a entrada de investimentos exteriores, 28.415 millóns de euros no ano 2011, a exportación de capitais do EE segue sendo maior, xa que ese ano atinxía os 30.611 millóns de euros, salientando como lugares de recepción: Turquía, Polonia, Reino Unido e Brasil. Destacaban por actividades: a financeira, enerxía, transporte aéreo. Se analizamos por sectores o investimento exterior no EE vemos que no crediticio a presenza é cativa, tamén na telefonía, e na enerxía, agás o caso de ENDESA, propiedade da ENEL italiana. Sería positivo que o compararamos coa presenza na América Latina e a Unión Europea de bancos, telefonía, distribución téxtil,... das empresas do EE.

"No investimento directo exterior no Estado español, é dicir nas empresas, destacaban a principios de 2010 os USA co 18,4% do total, e seguían, o Reino Unido co 17,6% e Francia co 16,8%".


No relativo ao comercio exterior, outro dos aspectos económicos que botan luz encol do carácter das relacións con outros estados, cómpre dicir que mentres no ano 2001 a cobertura con Europa era do 82,5% no 2010 atinxía o 93,19%. Tamén aumentaba con relación a Alemaña, xa que no 2001 a cobertura era do 57,13% e no ano 2010 chegaba ao 69,48%, e no que respecta a Francia mentres que no ano 2001 era negativa, un 96,21%, no ano 2010 era moi positiva: 130,36%. O único cambio era que no ano 2001 as maiores importacións viñan de Francia; no 2010 sería substituída por Alemaña cun 12% do total, pasando Francia a un segundo lugar cun 10,8%. Nestas cifras non se pode apreciar un monopolio por parte de Alemaña, máxime se comparamos, por exemplo, con Portugal, que no mes de outubro de 2012 importou un 32% de bens do EE, no segundo lugar aparece Alemaña cun 12%.

Non me quero alongar moito neste tema, xa que sería dar máis dados que confirman a mesma tese, só vou facer unha breve referencia ás débedas da banca do EE con Alemaña e Francia, e ao sistema financeiro destes estados. Segundo dados de principios deste ano, dous bancos do EE figuraban entre os primeiros 50 do mundo por capitalización bursátil: Santander e BBVA. O Santander con case que 200.000 empregados, 38.000 deles no EE, e intereses nunha morea de países, figura no número 14 do ranquing, e o BBVA no posto 30. Só son superados por un banco británico, o HSBC, no posto catro; outro británico, o Standard Chartered está no 21, o francés BNP Paribas no 24, o Barclays, tamén do RU no posto 32, e por fin un alemán, o Deutsche Bank no 33.

"Segundo dados de principios deste ano, dous bancos do EE figuraban entre os primeiros 50 do mundo por capitalización bursátil: Santander e BBVA".


Non parece ter polo tanto a banca alemá a importancia que se lle dá nos medios, a non ser porque aparece como acredora nesta conxuntura histórica, o que ten o seu valor. Agora diante da crise, os bancos alemáns e franceses queren cobrar e, como as entidades crediticias españolas non poden facer fronte ás débedas, pactan socializalas diminuíndo o nivel de vida das clases populares. Políticas de “austeridade” e reaxuste económico e social que afectan o consumo interno, que non pode ser compensado polo crecemento das exportacións. Consecuencias engadidas: aumento do desemprego e alargamento da crise. Lembremos que estamos nunha crise sistémica, cun enorme aumento das desigualdades sociais e entre países, desfeita do ecosistema, escaseza de recursos enerxéticos e de materias primas, crecemento da represión e do militarismo, e un papel destacado da economía especulativa e delituosa. Asemade, a globalización, a man de obra de reserva mundial e a financiarizacion da economía, fixo da degradación das condicións laborais nos sectores con menor valor engadido un medio fundamental para a competencia, facendo hoxe de China un exemplo, que en pouco tempo pode ser substituída polaIndia.

Volvendo ao tema do artigo, podemos afirmar que as clases dominantes dos distintos países da Unión Europea coinciden na necesidade de manter altos os lucros mediante a rebaixa dos salarios e da presión fiscal sobre as empresas, reducir e privatizar os servizos públicos, e que teñen diverxencias en que sectores privilexiar, e cales deben ser os ritmos e formas do axuste, tal como se comproba nos intensos e longos debates. Non hai ningunha proba de que as clases dominantes do Estado español perderan a súa hexemonía en favor das alemás, ou do eixo franco-alemán. Se existise esa subordinación serían as primeiras favorecidas pola forzada concentración do sector crediticio, pola privatización dos servizos públicos esenciais, xa que en ambos os casos dependen de decisións políticas. Se houbese dependencia non se entende o papel que xogan as grandes empresas españolas en América Latina (banca, electricidade, petróleo), nen os fortes intereses que teñen nalgúns países da Unión Europea, e por suposto tampouco que se exporten máis capitais directos que os que entran. Se houbese subordinación tampouco se entenderían as contradicións en temas políticos tan importantes como a ocupación de Iraq ou que Palestina sexa observadora na ONU.

"Podemos afirmar que as clases dominantes dos distintos países da Unión Europea coinciden na necesidade de manter altos os lucros mediante a rebaixa dos salarios e da presión fiscal sobre as empresas, reducir e privatizar os servizos públicos"


A Unión Europea é unha sociedade mercantil, onde cada estado ten un determinado peso económico e político, como socios que son dunha empresa común. Alemaña, e os países da súa área, teñen moito poder e son membros fundadores do proxecto, por iso foron impondo os seus criterios económicos. Para a a alta burguesía española a UE significa un amplo mercado naqueles sectores nos que teñen moitos intereses, tamén un paraugas para contar con apoio no resto do mundo e frear as reclamacións da clase traballadora e do nacionalismo en Galiza, Cataluña e Euskadi. O Estado español pode saír cando queira deste proxecto común mercantilista que é a UE, mais as clases dominantes non queren nen ouvir falar deste tema. Por algo será, para alén da leria vitimista para a sociedade durante o axuste. Este non é un aspecto menor, porque caracteriza como é, e con quen, a relación de dependencia da nación galega. Algo fundamental para desenvolver unha estratexia correcta a prol dunha República Galega con xustiza social.

"O Estado español pode saír cando queira deste proxecto común mercantilista que é a UE, mais as clases dominantes non queren nen ouvir falar deste tema. Por algo será, para alén da leria vitimista para a sociedade durante o axuste".

 

http://manuelmera.blogaliza.org/